A Deputación leva este domingo o programa +Escénicas a Vila de Cruces co espectáculo infantil “Backstage” de NegroLópez
A peza, para público familiar e infantil, poderá verse no Auditorio Municipal Xosé Casal o domingo 19 de xaneiro ás 18:00 hora
16/01/2025
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 19 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Vila de Cruces coa obra teatral para público familiar e infantil “Backstage”, a cargo da compañía NegroLópez (Iván Davila e Brais Iriarte). A peza de clown poderá verse no Auditorio Municipal Xosé Casal a partir das 18:00 horas no marco desta pioneira iniciativa cultural da institución provincial, dotada de 150.000 euros, que está a levar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
En “Backstage” un músico está a piques de dar un concerto en solitario, e antes de que chegue o público prepárase entre bambolinas. Nada máis chegar, comezan os problemas: non atopa as cousas, perde as partituras, ponse nervioso... e todo porque o rexedor do espectáculo é un pallaso. Durante o transcurso da peza, a través do humor físico, a música e o xogo constante co espectador, o público verá a parte máis divertida do que sucede antes de saír a escena. Porque, ás veces, o mellor dos espectáculos ocorre tras o pano.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.