A Deputación leva este domingo ata Cambados o circuíto +Escénicas con “Nanai da China” de Pérez & Fernández
O espectáculo, dirixido ao público infantil, poderá seguirse a partir das 18:00 horas no Auditorio municipal da vila
07/02/2025
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 9 de febreiro o circuíto +Escénicas ao Concello de Cambados con “Nanai da China” de Pérez & Fernández. A función, dirixida ao público infantil a partir dos 3 anos, comezará ás 18:00 horas no Auditorio municipal da vila e enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar ata marzo unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia, cun orzamento de 150.000 euros.
“Nanai da China”, a peza que Pérez & Fernández interpretará este domingo en Cambados, está protagonizado por unha nena que naceu nunha noite sen lúa, que só sabe dicir que non e axudar ao seu avó a cultivar arroz en compañía de Chispúm, un simpático búfalo de auga. Trátase dun espectáculo de teatro onde os títeres e os actores se fusionan para representar un conto cheo de maxia, aventuras e humor. Foi gañador do Premio María Casares 2024 na categoría de monicreques.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.