Luis López confirma que a Deputación dá luz verde a catro convenios co Concello de Vigo para obras por valor de 5 millóns de euros
“Seguimos cumprindo co noso compromiso con Vigo. Seguimos aprobando recursos para continuar avanzando na transformación da que é cidade máis poboada de Galicia e o seu grande eixo económico”, subliñou o presidente
29/11/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe catro convenios co Concello de Vigo para obras que ascenden a un total de cinco millóns de euros. Así o confirmou o presidente, Luis López, que detallou que se trata de actuacións no Complexo deportivo das Travesas, cun orzamento de 286.000 €, no parque Nelson Mandela de Navia, con 513.000 €, no campo municipal de fútbol Sárdoma-Moledo, con 820.000 € e do proxecto do macroparque de xogos na Finca Matías, cun orzamento de máis de 3,2 millóns de euros. En todos eles, a institución provincial faise cargo do 80% do financiamento, correspondendo o 20% restante ao Concello de Vigo. “Seguimos cumprindo co noso compromiso con Vigo. Seguimos aprobando recursos para continuar avanzando na transformación da que é a cidade máis poboada de Galicia e o seu grande eixo económico”, subliñou o presidente.
No caso da reconstrución do muro de contención no parque Nelson Mandela do barrio de Navia, cun orzamento de 513.000 euros, a Deputación achegará 412.000 euros que se corresponden co 80% do investimento. O obxectivo é reconstruír un muro que se atopa en estado deficiente e de garantir, en último termo, a seguridade dos peóns deste parque vigués e da contorna do centro de saúde de Navia. Ademais, cun orzamento de 286.000 euros, financiando a institución provincial 225.000 €, actuarase no Complexo deportivo das Travesas, onde se substituirá a cuberta do pavillón coñecido como “pista vermella” e se mellorará a envolvente térmica.
Por outra banda, apróbase o convenio para as obras de reparación do muro do campo de fútbol de Sárdoma-Moledo, das que a Deputación financia o 80% da obra, é dicir, 650.000 euros, e o Concello faise cargo dos 170.000 euros restantes. Os traballos consistirán na construción dun muro de contención de 7 metros de altura ao pé do talude, dando continuidade ao situado ao norte do campo das Relfas. Entre as actuacións inclúense a demolición do pavimento deteriorado, no que se aprecian importantes fisuras e roturas, e a posterior reposición do firme na explanada; a execución do drenaxe mediante cuneta perimetral -as fendas favorecen a entrada de auga ao terraplén- e posterior conexión ao existente; e a retirada e reposición do peche perimetral con malla metálica. O prazo estimado de execución é de 5 meses desde o inicio da obra.
Por último, no proxecto da Finca Matías, do que a institución provincial financia 2,6 millóns de euros, facéndose cargo o Concello dos 670.000 € restantes, remodelarase este espazo, situado entre a Travesía de Vigo e rúa Aragón, para dotalo dun macroparque con área de xogos infantís inclusivos e non inclusivos e de xogos interactivos. Ademais adecuaranse os accesos, incorporaranse zonas veredes, instalaranse novos elementos de mobiliario urbano e modernizaranse, entre outras cuestións, as redes de subministro e a iluminación.
O presidente da Deputación, Luis López, lembrou que estes son os catro primeiros proxectos con cargo aos 5 millóns de euros que a Deputación ten reservados para Vigo e que se suman “aos 6,2 millóns de euros xa destinados a diferentes actuacións en rúas da cidade, aos 13 millóns de euros da grada Gol de Balaídos ou aos 4,6 millóns da compra do Teatro Cine Fraga”. E instou, ademais, ao Concello, “como xa fixemos no seu día e como nos comprometemos na anterior ocasión, a asinar publicamente os convenios e escenificar estes catro acordos necesarios e importantes para Vigo”.de euros que a Deputación ten reservados para Vigo e que se suman “aos 6,2 millóns de euros xa destinados a diferentes actuacións en rúas da cidade, aos 13 millóns de euros da grada Gol de Balaídos ou aos 4,6 millóns da compra do Teatro Cine Fraga”. E instou, ademais, ao Concello, “como xa fixemos no seu día e como nos comprometemos na anterior ocasión, a asinar publicamente os convenios e escenificar estes catro acordos necesarios e importantes para Vigo”.