Luis López anuncia que a sinatura dos convenios de 2024 co Concello de Vigo terá lugar o 23 de decembro para “seguir cumprindo” coa cidade

En total mobilizaranse máis de 6 millóns de euros, o 80% de fondos provinciais, para o macroparque de xogos da Finca Matías, a humanización de Clara Campoamor, o campo de fútbol de Sárdoma-Moledo, o Complexo Deportivo das Travesas e o parque Nelson Mandela

13/12/2024

Rolda de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar que o vindeiro 23 de decembro terá lugar a sinatura dos convenios de colaboración de 2024 co Concello de Vigo, co obxectivo de “seguir cumprindo” coa cidade. Desta maneira, os convenios a firmar entre a Deputación e o Concello de Vigo mobilizarán máis de seis millóns de euros, dos que o 80% pertencen a fondos provinciais. En concreto, son 3,2 millóns de euros para o proxecto do macroparque de xogos da Finca Matías, 1,3 millóns para a humanización de Clara Campoamor, 820.000 euros para as obras de reparación do muro de contención do campo de fútbol onde xogan o Sárdoma e o Moledo, 286.000 euros para o Complexo Deportivo das Travesas e 513.000 euros para o parque Nelson Mandela.

“Celebro comprobar como o propio alcalde recoñecía que a Deputación está cumprindo coa cidade. Xa non se discute que investimos, senón que se asume como a realidade que, por outra parte, salta á vista de todos”, afirmou o presidente provincial, en referencia ao balance que esta mesma semana realizou coa vicepresidenta Luisa Sánchez dos investimentos comprometidos polo goberno provincial: 55 millóns de euros na área de Vigo, dos cales 30 millóns foron para a cidade.

“Queremos seguir apostando por esa liña de colaboración que xa deu froitos na nova Grada de Gol de Balaídos, cuxa remodelación se iniciou en 2015 co presidente Louzán, ou co rescate deses 6,2 millóns de euros que Vigo ía perder pola falta de execución do Concello”, confirmou Luis López.

Como lembrou o presidente provincial, “os acordos, os investimentos, as obras feitas realidades. Iso é o que quere ver á xente. Así que, polo que a nós respecta, xamais converteremos un investimento nun motivo de confrontación, e estou seguro que o 23 de decembro a Deputación e o Concello volveremos demostralo”.

 

audios