Luisa Sánchez inaugura a xornada con motivo do Día Mundial do Párkinson e remarca a necesidade de concienciar, sensibilizar e visibilizar a enfermidade

03/04/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de participar na inauguración da xornada organizada pola Asociación de Párkinson de Vigo con motivo do día mundial da enfermidade. No acto, Sánchez remarcou a necesidade de concienciar a cidadanía, sensibilizar a sociedade e visibilizar a enfermidade, xa que “estamos a falar da segunda doenza neurodexenerativa con maior número de persoas afectadas no mundo”. Tamén amosou a vontade da Deputación de Pontevedra de “tender pontes” coas asociacións e entidades que traballan con persoas con párkinson e coas súas familias: “Faremos todo o que estea da nosa man para garantir que a enfermidade non nos deteña”.

A vicepresidenta aproveitou a ocasión para reivindicar o importante papel que desempeña o persoal médico, de enfermería e de investigación, reclamando “recursos humanos, pero sobre todo económicos, para que co seu traballo poidamos avanzar nas claves desta enfermidade dexenerativa, progresiva e crónica do sistema nervioso”. Deste xeito puxo en valor o papel de especialistas coma o xefe de Neuroloxía de Povisa, o doutor Lorenzo, ou o nutricionista Nicolás Pedrafita, ambos os dous participantes na xornada organizada pola Asociación de Párkinson de Vigo, así como das familias e persoas enfermas, coma Araceli Aguilera, unha das autoras de A la sombra del párkinson.