Luis López subliña o potencial competitivo do galego e o exemplo dunha Deputación que comunica os 365 días do ano na lingua propia

O presidente provincial destaca, no acto “Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro” celebrado no Pazo provincial e promovido polo Foro Enrique Peinador, a colaboración do ente provincial con colectivos e concellos para promover o galego

24/09/2024

Luis López no Pazo provincial no acto promovido polo Foro Enrique Peinador

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou este martes o compromiso do organismo provincial coa protección, normalización e difusión da lingua galega no acto “Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro” promovido polo Foro Enrique Peinador e que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial. “O galego define a realidade na que vivimos”, defendeu o mandatario provincial despois de asinar unha declaración institucional coa finalidade de seguir impulsando o uso do galego no ámbito empresarial.

A xornada comezou arredor das 12.30 horas coa proxección dun vídeo relacionado co galeguismo empresarial despois de que a secretaria do Foro Enrique Peinador, Carmen Vaquero, dera á benvida ás persoas asistentes. Logo chegou a quenda das intervencións, onde tomaron a  palabra  presidente do Foro, Xosé González; a representante de Navantia, Isabel Carro; e o director executvo de Leite Noso, Pedro González. A continuación, procedeuse á sinatura dunha declaración institucional pola que os participantes neste acto se comprometen a impulsar o emprego da lingua galega no ámbito empresarial e a reafirmar o compromiso co idioma e a identidade galegos no sector económico de Galicia. A sesión rematou cos discursos do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García González; e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

Na súa quenda, o titular do executivo provincial detallou o compromiso da Deputación pola normalización e uso do galego ao detallar os distintos investimentos e iniciativas que o organismo supramunicipal ten en marcha neste eido. “Deixando á marxe o non menos relevante feito de que comunicamos as 24 horas do día, e os 365 días do ano en galego”, comezou Luis López un discurso no que se referiu tamén á súa decisión de incorporar o servizo de Normalización Lingüística da Deputación ao departamento de Presidencia. O presidente citou tamén o reparto de 200.000 euros entre os concellos para reforzar os seus servizos de normalización, o apoio con 150.000 euros a 35 municipios para actividades de fomento do galego, as axudas dotados con 150.000 euros para entidades sen fins de lucro para realizar as súas actividades en lingua galega ou o apoio directo a editoriais, colectivos culturais, iniciativas empresariais ou producións audiovisuais en galego. Neste punto, Luis López referiuse á colaboración coa rodaxe da película “Antes ca nós”, baseada na vida de Castelao; ou as recentes liñas de colaboración abertas co Correlingua ou a Asociación Psicopedagóxica Galega. “Nesta Deputación fomentamos unha vida en galego para quen a desexe”, afirma o presidente.

A lingua galega forma parte tanto da vida persoal coma profesional de Luis López. “Nacín, medrei e morrerei en galego. É o resultado de medrar nun pequeno anaco de terra chamado Rodeiro. Alí, como un personaxe calquera de Neira Vilas pero nacido na casa dos Lugués, fíxenme quen son. E deses anos, lembro dicir moitas cousas que hoxe posiblemente non diría, pero xamais cambiaría o idioma no que foron pronunciadas, o galego”, comezou o presidente un discurso no que lembrou cando sacaba o gando a pacer, as longas conversas coa familia e amizades do Deza ou as longas xornadas no despacho da alcaldía que continúan estes días nas dependencias do Pazo provincial.

Unha vida en galego, na que o mandatario provincial se presenta como “fillo dunha xeración que naceu o mesmo ano da Constitución, nunha Galicia que xa amencía despois da longa noite e cuxa luz se mantiña acesa apenas na Resistencia cultural”. Unha viaxe pola historia contemporánea do galego na que puxo en valor o papel dos partidos políticos para “galeguizar Galicia”, así como movementos culturais como o Xabarín Club ou referentes musicais actuais como Fillas de Cassandra ou Lontreira.

Con todo, o presidente Luis López tamén lamentou que “a marca Galicia non sempre foi expresada en galego”. Algo que mudou, remarca o presidente provincial, grazas ao traballo de entidades e xornadas como a celebrada este martes. “O orgullo de país, a pegada de excelencia empresarial que abandeiramos, non sempre tivo como vehículo a lingua propia. Ata que entidades como o Foro Enrique Peinador, o impulso institucional e, sobre todo, a iniciativa privada decidiron derrubar esa última barreira. A todos quero darvos os parabéns”, rematou o presidente da Deputación de Pontevedra.

Galerias de imaxes