#LINGUA

Foro Enrique Peinador

A Deputación colabora neste ano 2024 co Foro Enrique Peinador para a galeguización do ámbito empresarial


O Foro Enrique Peinador ten como obxectivo que o sector empresarial se adecúe ao marco xurídico sobre a lingua galega e contribúa a rachar os prexuízos lingüísticos existentes neste eido. Para iso, desde os anos 90 do pasado século desenvolve iniciativas novidosas nos ámbitos agroalimentario, vitícola, de publicidade, de etiquetaxe, de consumo responsable, procurando sempre a identificación do produto coa lingua.

A Deputación de Pontevedra, como Administración responsable e comprometida cos dereitos da cidadanía galega, colabora co Foro na promoción e realización de diversas accións:

  • Un encontro con empresas que lle prestan servizos á institución provincial co fin de ampliar o uso da lingua galega nos ámbitos destas.
  • Un acto da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), cuxas empresas integran un sector produtivo de alta importancia na economía galega, co fin de promover novas adhesións para o uso do galego no sector.
  • A realización dun documental sobre o galeguismo empresarial, para aprendermos a valorar a nosa historia empresarial (Massó, Augas de Mondariz, Cerámicas do Castro e Sargadelos, Laboratorios Zeltia...) e afianzar o arraigo á identidade galega e aos nosos produtos, que ten que ser o que nos diferencie nos mercados globais.