Luis López enxalza a Festa da Rosa de Mos como unha experiencia 100 % Rías Baixas que pon en valor a cultura e a historia e reforza a identidade da provincia

O presidente provincial destaca, no acto de apertura das festas, a implicación neste tipo de celebracións do tecido asociativo, que conta co apoio do goberno provincial

13/06/2024

Luis López na festa da Rosa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou a Festa da Rosa de Mos, evento de interese turístico de Galicia, como unha celebración que pon en valor a cultura e a historia do Concello, que atrae cada ano a milleiros de visitantes e que reforza os lazos familiares, de amizade e de identidade da veciñanza coa provincia no acto de apertura destas festas que celebran este ano a súa edición número 51. “A Festa da Rosa é unha experiencia 100 % Rías baixas”, resumiu o mandatario provincial.

Acompañado polo deputado provincial Alejandro Lorenzo e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, á que Luis López felicitou e gabou polo seu traballo a prol da veciñanza e polo seu compromiso para mellorar os servizos e as infraestruturas do Concello; o titular do goberno provincial quixo resaltar a implicación da veciñanza na organización da festa.

Neste sentido, López lembrou a vocación municipalista da Deputación para colaborar tanto cos concellos como co tecido asociativo da provincia. “Hai que destacar a importante e transcendente papel que ten a implicación veciñal nesta festa, para eles o meu agradecemento e parabéns”, afirmou o presidente nunha referencia ao apoio do goberno provincial ás asociacións veciñais como a Asociación de Mulleres Rurais de Mos, encargada da elaboración das empanadas de millo que se degustaron nesta xornada.

Concluíu o mandatario provincial a súa intervención augurando un próspero futuro á Festa da Rosa de Mos e convidando a toda a cidadanía e visitantes da provincia a “desfrutar dunha experiencia 100 % Rías Baixas”.

Galerias de imaxes