Luis López sinala a importancia da colaboración entre a Administración e o sector turístico para que “o destino Rías Baixas siga vivindo un momento doce”
O presidente provincial, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, destacou o peso que ten o sector para tirar da economía, do emprego e da imaxe da provincia
13/06/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, apelou á importancia de estreitar a colaboración entre o sector público e privado para que o destino Rías Baixas "siga estando de moda" e o turismo "siga sendo fonte de riqueza". O mandatario provincial fixo referencia ao proceso de redacción da nova estratexia de turismo que o goberno provincial ten en marcha e no que é imprescindible a colaboración do tecido empresarial do sector para moldear un destino adaptado aos novos tempos, que ofreza novos produtos, que teña o deporte como o complemento ideal e que sexa sustentable e desestacionalizado.
"Se Galicia e a provincia de Pontevedra viven un momento doce é grazas a un sector turístico que é líder en turismo de calidade e que seduce aos visitantes cunha oferta xa coñecida como experiencias 100 % Rías Baixas", afirmou o titular do goberno provincial durante a entrega dos primeiros premios Xente Viaxeira de Galicia que organizou Onda Cero no Pazo Provincial e que López entregou ao presidente de AC Marriot, Antonio Catalán, como embaixador de Galicia. "Non todos os días temos o pracer de entregar uns galardóns que premian o bo facer do noso sector turístico. Nin tampouco a honra de acoller nesta Deputación aos representantes dun sector que é sinónimo de excelencia, como o sector turístico de Galicia", agradeceu Luis López nun acto no que tamén participou a deputada de Turismo, Nava Castro.
No seu discurso, o presidente da Deputación reafirmou o compromiso do goberno provincial co turismo. "É o motor que tira da nosa economía e do noso emprego, é o sector que proxecta en todo o mundo a nosa riqueza natural, cultural ou gastronómica e é a ponte para construír unha provincia máis moderna, máis forte e máis competitiva", sostivo o dirixente, quen puxo en valor que as Rías Baixas ofrecen "todo o que o turista busca", facendo referencia á auga que baña as praias, ríos ou termas, á programación cultural dos festivais de música ou cine ou á organización de eventos deportivos de interese xeral.
Neste sentido, Luis López remarca a aposta por acoller eventos deportivos como o paso de La Vuelta a España e fomentar produtos interesantes como o enoturismo como o camiño axeitado para manter un modelo de turismo en crecemento, desestacionalizado e sustentable.
Despois de agradecer o labor dos profesionais do sector e dos medios de comunicación, Luis López animounos a continuar traballando na mesma liña e a "seguir coidando aos nosos visitantes e recomendándolles experiencias 100 % Rías Baixas que os namoren de Galicia tanto como o estamos nós", rematou.