Luis López anuncia melloras nas axudas de Acción Comunitaria: máis orzamento, máis simplificación e unha nova liña con ata 6.000€ para legalizar traídas de auga
O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, presenta as novidades para 2025 ante os primeiros beneficiarios de estas axudas de ata 10.000 €
11/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou este mércores as novidades da área de Acción Comunitaria para o vindeiro ano 2025 que inclúen un incremento do 20 % da partida orzamentaria, ata os 2,4 millóns de euros, que servirán para lanzar a segunda edición dos plans +Aqua e Provincia Comunitaria, así como a estrea do programa Novaqua, con axudas de entre 2.000 e 6.000 euros para legalizar traídas de auga; e un maior apoio en xestión ao financiar con ata 600 euros os gastos de xestión e taxas e reducir o papeleo con trámites simplificados.
“Aproveitamos a ocasión para anunciarlles as melloras das axudas da Deputación en Acción Comunitaria. Haberá máis orzamento, máis beneficiarios, máis axudas e máis facilidades de xestión”, sinalou o dirixente no acto de entrega de carteis celebrado esta tarde no Salón de Plenos do Pazo provincial a representantes dos 170 colectivos veciñais da provincia beneficiarios do primeiro Plan Provincia Comunitaria, que repartiu un total de 1,6 millóns de euros.
O acto, no que tamén participou o deputado Javier Tourís, consistiu na entrega dun cartel e un agasallo institucional por parte do deputado Tourís e o presidente López aos representantes das 170 entidades veciñais de 44 concellos da provincia beneficiarias deste primeiro Plan Provincia Comunitaria, que recibiron entre 6.000 e 10.000 euros en concepto de subvencións para colaborar coa reforma de locais veciñais, adquisición de equipamento ou materiais e a mellora dos servizos que prestan á comunidade. “Sodes as asociacións veciñais as que manteñen a actividade centros sociais espallados por todas as comarcas e aldeas da provincia, as que vos preocupades por dinamizar a vida cultural, social e de ocio da vosa comunidade e as que contribuídos a combater da mellor maneira posible un dos máis grandes desafíos ao que debemos facer fronte: o reto demográfico. Por todo isto, recuperar un plan de apoio ao movemento veciñal da provincia non era unha opción nin un agasallo, senón unha obriga e un exercicio de responsabilidade e agradecemento”, defendeu o titular do goberno provincial.
Antes de dar comezo á entrega dos recoñecementos, foi o deputado Javier Tourís o encargado de dar a benvida aos asistentes a un acto que estivo presentado pola xornalista Rcío Rodríguez Padín. “Visto o grandísimo interese que espertou esta iniciativa entre o asociacionismo da provincia de Pontevedra, non podemos dicir outra cousa que que estabamos no certo: esta provincia necesitaba urxentemente este programa”, sinalou. Neste sentido, o presidente López tivo tamén palabras de recoñecemento para o responsable desta área no goberno provincial. “Para capitanear esta misión contamos co número un. O artífice non só desta primeira e exitosa edición do Plan Provincia Comunitaria, tamén do +Aqua, da Oficina de Transformación Enerxética e do +Convivir. Esa persoa é Javier Tourís, o gran valedor dun dos máis grandes tesouros desta provincia: o movemento veciñal”, subliñou López.
“Grazas ás asociación veciñais vivimos nunha provincia máis avanzada, máis participativa e máis cohesionada”, concluíu o mandatario provincial, quen reafirmou o compromiso da Deputación coas comunidades veciñais.