A Deputación destina 100.000€ para apoiar ao alumnado dos Campus de Pontevedra e Vigo que realicen intercambios internacionais no marco do programa Erasmus+

O presidente provincial Luis López anunciou a aprobación dun convenio coa Universidade de Vigo, que achegará 1.000 euros a 100 alumnas e alumnos

15/11/2024

Luis López

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe un convenio coa Universidade de Vigo para apoiar aos estudantes con axudas complementarias aos programas de intercambio internacionais Erasmus+ estudios e outros programas de intercambio con países extra-comunitarios, dotado con 100.000 euros.

En concreto, outorgaranse un total de 100 bolsas por un importe de 1.000 euros cada unha a outros tantos estudantes dos campus de Pontevedra e Vigo, que servirán para contribuír nos seus gastos de estadía. O obxectivo desta liña de axudas é promover a participación do alumnado universitario nos intercambios formativos e contribuír á súa formación integral e á súa adaptación ás esixencias do mercado laboral en Europa e no resto do mundo.

O presidente provincial, Luis López remarcou a importancia de que universidades e administracións públicas “esteamos comprometidas con destinar todos os recursos posibles para promover este tipo de programas, porque son iniciativas que permiten complementar a formación da mocidade da provincia”. Desta maneira, trátase dun investimento fundamental “porque apoiar á xuventude de hoxe, traballar para que teñan unha mellor formación e oportunidades, supón garantir que esta provincia teña un gran futuro”.