A Deputación destina máis de 130.000 € para que 22 estudantes de FP completen a súa formación no estranxeiro ao abeiro do programa Erasmus+

Son alumnos de centros educativos das Neves, Cambados, Gondomar, Marín, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salvaterra de Miño e Sanxenxo que realizarán estadías de entre catro e cinco meses en Malta, Portugal, Italia, Finlandia, República Checa e Croacia

13/12/2024

Rolda de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 132.000 euros para que 22 graduados en ciclos medios de Formación Profesional da provincia poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral. Estas mobilidades englóbanse no programa Erasmus+ 2023, que conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, dos que o SEPIE (o Servizo Español para a Internacionalización da Educación) aporta 1,2. “Seguimos dotando á mocidade da nosa provincia de ferramentas para mellorar as súas competencias e a formación – explicou o presidente provincial, Luis López-. É dicir, seguimos abonando o futuro da provincia”.

Estes 22 estudantes, que comezarán as súas prácticas entre este xaneiro e febreiro de 2025, viaxarán a Malta (2), Portugal (9), Italia (7), Finlandia (2), República Checa (1) e Croacia (1) para completar a súa formación, en estadías que terán unha duración de entre seis e nove meses. As axudas variarán en función do país de destino e da duración da mobilidade, e van desde os 4.500 euros ata os preto de 8.000 euros.

En concreto, trátanse de dous alumnos do IES Francisco Asorey de Cambados, un do IES Ribeira do Louro do Porriño, dous do IES Montecelo de Pontevedra, un do IES Vilalonga de Sanxenxo, catro do IES Chapela de Redondela, dous do IES Luis Seoane de Pontevedra, un do EFA A Cancela das Neves, tres do Colexio Vigo de Redondela, un do IES Pedro Floriani de Redondela, dous do IES Chan do Monte de Marín, un do IES Terra de Turonio de Gondomar e dous do IES Salvaterra de Miño. En canto aos seus estudos, realizaron ciclos de xestión administrativa, impresión gráfica, farmacia, auxiliar de enfermería, actividades comerciais, electromecánica de vehículos, sistemas microinformáticos e redes, guía no medio natural e de tempo libre e soldadura e calderaría.

Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionar á mocidade apoio económico para facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitar a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas.

Ligazóns de interese

videos

audios