A Deputación inicia o procedemento para substituír as escaleiras de emerxencias do Centro Escola Fogar Príncipe Felipe

Unha vez adxudicadas as obras, que teñen un orzamento de 375.000 euros, terán un prazo de execución de cinco meses

29/12/2023

A Xunta de Goberno de Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar as obras para substituír as escaleiras de emerxencia do Centro Infanto-Xuvenil Escola Fogar Príncipe Felipe grazas a un investimento de 374.000 euros. Unha intervención que ten o obxectivo de mellorar a seguridade neste centro dependente da Administración provincial.

Como informou o presidente provincial, Luis López, en conferencia de prensa, a intervención, que terá un prazo de execución de cinco meses desde o momento no que se inicien as obras, consistirá na demolición dos cerramentos, da cuberta exterior e da escaleira actual para instalar despois unha nova escaleira e unha envolvente exterior.

Por outra banda, procederase ao saneamento das vigas e alicerces da estrutura principal. Como complemento a esta obra, implantarase iluminación e portas de emerxencia, ademais de levarse a cabo traballos de pintura.