A Deputación inaugura este martes no Museo de Pontevedra unha exposición de pintura complementaria ao encontro Pontevedra Literaria

Rafa Domínguez e Jorge Cubela inaugurarán a mostra, na que participan os catro artistas mozos da provincia que resultaron gañadores dun concurso convocado pola institución provincial

06/10/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o deputado de Cultura e de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, inaugurarán este martes 8 de outubro no Museo de Pontevedra unha exposición de pintura que se celebra en paralelo ao encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que acollerá tamén o Museo os próximos 17 e 18 de outubro.

A exposición inclúe sete obras realizadas por catro artistas da provincia, seleccionados a través dun concurso que foi convocado pola institución provincial. Trátanse de Sofía Muñiz Somoza (de Cambados), Laura López Ignacio (de Marín), de Ainhoa Lage Moldes (Pontevedra) e Daniel Jácome Rodríguez (de Vigo). Para os seus cadros empregaron técnicas como as de colaxe analóxico sobre lenzo, óleo sobre lenzo, grafito sobre papel ou acrílico sobre lenzo.

Esta mostra, que se pode visitar ata o próximo 20 de outubro na zona acristalada do Edificio Castelao do Museo, é unha das actividades complementarias do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes. Xunto a ela, integra tamén a programación desta iniciativa a mostra fotográfica que se pode visitar no vestíbulo do  Pazo provincial, ata finais de mes, co máis dun cento de imaxes gañadoras da categoría de fotografía dos Premios Provinciais á Xuventude.

Pontevedra Literaria traerá á cidade de Pontevedra os días 17 e 18 a escritores de gran prestixio: Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Rafa Cabeleira, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira. Ademais, tamén participará Sandra Ferreiro García, que foi a gañadora do premio de narrativa dos Premios Provinciais á Xuventude en 2018 e acaba de publicar a súa primeira novela, "Candela". Pódese encontrar máis información sobre o encontro e o sistema de reserva de asentos (o espazo ten unha capacidade para arredor de 100 persoas en cada unha das sesións) no sitio web da Deputación.