A Deputación completa o cartel de Pontevedra Literaria, un encontro cultural de gran prestixio que terá lugar no Museo os días 17 e 18 de outubro
A Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro ou Arantza Portabales, xa anunciados polo presidente Luis López, únenselle outros nomes como Ángela Banzas, Rafa Cabeleira, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice ou Xulio Teixeira
25/09/2024
A Deputación de Pontevedra ultima estes días os detalles para a celebración do encontro literario e artístico Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que se celebra baixo o lema “Vivir das letras” e que traerá ao Museo de Pontevedra a escritores cunha gran traxectoria internacional consolidada. A cita cultural, única na provincia, celebrarase entre os días 17 e 18 de outubro na zona acristalada do Edificio Castelao, ambos días de 19:00 a 21:00 horas, e contará con nomes como Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Rafa Cabeleira, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice ou Xulio Teixeira.
Para a institución provincial este encontro é unha grande oportunidade para que as persoas convidadas compartan as súas motivacións, relaten as súas experiencias no mundo literario e dean consellos e recomendacións para quen se queira iniciar nesta disciplina, especialmente as mozas e mozos con vocacións literarias. En concreto, o goberno de Luis López decidiu poñer en marcha este encontro despois de observar un aumento no número de solicitudes nas categorías de “traballo literario breve” para os Premios Provinciais á Xuventude, o que denota un especial interese da mocidade da provincia pola creación.
Deste xeito, o xoves 17 de outubro o escritor e avogado pontevedrés Manel Loureiro, coñecido pola súa triloxía “Apocalipsis Z” e gañador este ano do Premio Fernández Lara coa súa última novela “Cando a tormenta pase”, ofrecerá unha charla, para dar paso despois a unha mesa redonda que se celebrará baixo o título de “Vivir das Letras” e contará coa participación dos escritores Rafa Cabeleira, Arantza Portables e Ángela Banzas. Nesta xornada, o pontevedrés Xacobe Medina será o encargado de poñer a nota musical coa súa guitarra.
Xa o venres 18 de outubro, nunha xornada amenizada pola música da pianista Andrea García González baixo o lema “Vivindo das letras”, o acto central será o encontro co autor colombiano Héctor Abad Faciolince, no que o escritor e xornalista, coñecido por libros como “El olvido que seremos”, sobre a vida e asasinato de seu pai, Héctor Abad Gómez, falará da súa próxima novela, que se publicará no 2025 e, entre outras cousas, da súa experiencia en Ucraína, onde sufriu un atentado. A continuación terá lugar unha mesa redonda na que se darán cita os escritores Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira Rodríguez.