O vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez participa na inauguración da exposición “Pontevedra no tempo”
15/07/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela, participou hoxe na sede Afundación de Pontevedra no acto de inauguración da exposición “Pontevedra no tempo”, organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación. A mostra é a última das programadas ao abeiro do proxecto “Cidades no tempo”, que chega a Pontevedra co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia. “Pontevedra é unha cidade cun encanto especial, a única das sete galegas que se sitúa ao fondo da ría, e cuxa identidade está definida tanto polo mar como pola montaña –explicou Domínguez-. E nesta mostra percorreremos a súa historia, percorrendo a gran mutación e expansión que foi experimentando pouco a pouco ao longo dos séculos. Todo sen esquecerse da actualidade desta Pontevedra feita para desfrutar ‘amodiño’, para ser paseada e para namorar a propios e estraños”.
O vicepresidente provincial remarcou que a tanto a cidade como a provincia de Pontevedra teñen “un potencial cultural inmenso” e amosou o compromiso do Goberno da Deputación para “seguir impulsando e promovendo ese potencial. Traballaremos con intensidade para apoiar á cultura nesta cidade, porque cremos que Pontevedra merece poñerse no epicentro cultural da xeografía galega”.