Luis López destaca a alianza entre o Museo e institucións como o Thyssen ou a Fundación María José Jove para inaugurar “a mellor exposición dos últimos vinte anos"

O presidente da Deputación, acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda; e o vicepresidente provincial, Rafa Domínguiez; abre a exposición “A era das fábulas” que exhibirá ata o 29 de setembro obras de artistas como Picasso, Miró ou Dalí

10/07/2024

Inauguración da Era das fábulas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra “a mellor exposición desta casa nos últimos vinte anos”. A mostra “A era das fábulas” abriu este mércores as súas portas ao público nun acto no que tamén participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; e que permitirá aos amantes da arte admirar ata o vindeiro 29 de setembro unha colección de cadros que levan a sinatura de artistas da talla de Picasso, Miró ou Salvador Dalí. “A aposta do Museo de Pontevedra, e por extensión da Deputación, por ofrecer o mellor da cultura pictórica doutros lugares escribe hoxe outra gran páxina”, sinalou o mandatario provincial, quen destacou tamén a alianza entre o Museo de Pontevedra e institucións artísticas tan relevantes como a Fundación María José Jove (FMJJ) e a TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary para traer á capital da provincia unha exposición destas características.

Nun percorrido pola galería pontevedresa dirixida pola directora do Museo, Ángeles Tilve; a codirectora de TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary, Rosa Ferré; e a presidenta de la Fundación María José Jove, Felipa Jove Santos; o presidente da Deputación, que estivo acompañado tamén polo conselleiro de Cultura, José López; o vicepresidente e responsable do Museo, Rafa Domínguez; e outros membros do goberno provincial; coñeceu os segredos dunha mostra centrada na forza da transmisión oral na nosa cultura e en facer reflexionar ao espectador sobre o estado do mundo, do clima ou da situación social a través de pezas artísticas dos séculos XX e XXI que forman parte dos fondos destas tres citadas institucións artísticas. “Trátase da exposición máis ambiciosa organizada polo Museo de Pontevedra, un paso máis para avanzar no impulso desta cidade e provincia como epicentro global da cultura”, declarou o vicepresidente Domínguez, encargado de exercer de mestre de cerimonias na inauguración da exposición.

Luis López na inauguración da Era das fábulas

“Esta mostra que pretende levarnos por un mundo de fantasía non sería o que é sen un territorio, e unha xente, igualmente fantásticos. Vivimos nun lugar verdadeiramente fantástico. Unha historia única, depurada polo paso do tempo, protagonizada polos que estiveron antes, están agora e virán despois. É extraordinario polo que é, pero tamén polo que é quen de acoller. Esta exposición é un brillante exemplo, di o clasico que ‘se queres ser global, fala do teu barrio’. Este Museo cumpre con ese cometido a diario. Pero hoxe o universal vén ao local. Desta vez, son os Picasso e os Miró os que veñen a Pontevedra a demostrar que o centro da cultura pode estar nos bordes dos mapas ou ser propiamente o centro”, definiu Luis López, facendo referencia á riqueza cultural e a súa relación coa contorna da provincia como a Rapa das Bestas, a un solpor nas Illas Atlánticas ou as ensinanzas do extenso e rico repositorio da tradición oral galega.

A exposición está estruturada en tres salas. A primeira correspóndese co acto primeiro, que relaciona a imaxinación co mar; a segunda estancia céntrase na transformación da terra; mentres que o terceiro acto leva por título ‘Renacemento: aire’. “Artistas universalmente recoñecidos como Picasso, Miró, Maruja Mallo ou o noso Castelao dialogan entre catro paredes dunha institución cultural de Pontevedra”, destacou o presidente López.

Actividades paralelas

A mostra poderá visitarse ata o 29 de setembro, pero a programación inclúe tamén unha serie de actividades paralelas que comezaron este mesmo mércores cunha intervención artística en directo a cargo de Noa e Lara Castro. Os sábados 13, 20 e 27 de xullo, desenvolveranse tres talleres dirixidos a público familiar e en setembro haberá novas quendas. Do mesmo xeito, os obradoiros de agosto articularanse ao redor dos contidos da mostra. Na última semana antes do peche da exposición, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor da relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas.

“Esta fábula que hoxe se conta no Museo non puido ter mellores autoras. Así que aproveito para recoñecer aquí o traballo, os resultados e a inmensa xenerosidade da Fundación Thyssen, da Fundación María José Jove e tamén a visión da dirección do Museo, comandada por Ángeles Tilve”, valorou Luis López, quen convida a toda a cidadanía a visitar unha exposición que supón “un dos acontecementos culturais do ano na provincia”.

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.