A Deputación oferta prazas para o terceiro obradoiro en familia sobre a exposición ‘A era das fábulas’
Será este sábado 27 de xullo, de 11:30 a 13:00 h, e está dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos en compañía dunha persoa adulta
24/07/2024
Dentro das actividades complementarias á exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’, o Museo de Pontevedra está a realizar unha serie de obradoiros en familia que se desenvolven nos sábados dos meses de xullo e setembro, impartidos por Ana Barreiro e África Martínez, de Taller Abierto.
O terceiro dos obradoiros terá lugar este sábado 27 de xullo, de 11:30 a 13:00 h, e aínda hai prazas dispoñibles. Está dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos, en compañía dunha persoa adulta e a inscrición pódese facer a través de Whatsapp, no número 617340323.
O obradoiro deste sábado fomentará a creatividade en familia a partir de obras de arte presentes no terceiro dos actos nos que se organiza a exposición: Acto III, Renacemento-aire. Toma así o relevo dos obradoiros anteriores, centrados nos actos Imaxinación-mar e Transformación-terra. Seguindo o concepto expositivo que vincula o ancestral co contemporáneo a través da fábula ou o mito, as actividades axudan a entender a arte ao longo da historia como reflexo do tempo no que foi creada e de entender como nos serve para reflexionar sobre temas contemporáneos.