A Deputación celebra en Mos a gala Cirqueiras co mellor do circo, a danza, a música e o humor galego da man dun elenco 100% feminino

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu ao espectáculo, que se representou no CEIP Mestre Martínez Alonso da localidade como parte da campaña provincial con motivo do 8M, Malabares ata cando?

25/03/2025

 gala Cirqueiras

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu no CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos á gala Cirqueiras, un espectáculo único que reúne o mellor do circo, a danza, a música e o humor galego cun elenco 100% feminino. O espectáculo, de cincuenta minutos de duración e repleto de emocións, risas e espectáculos sorprendentes, foi unha exhibición de talento e tamén un acto de apoderamento feminino. Trátase dunha das actividades incluídas na programación de actividades postas en marcha pola Deputación de Pontevedra co gallo do Día Internacional das Mulleres, 8M, reunidas baixo o paraugas da campaña Malabares ata cando?

Sandra Bastos puxo o foco no motivo detrás do lema da campaña institucional. “Seguro que nas vosas casas”, asegurou dirixíndose ao alumnado do centro, “vedes todos os días como as mulleres somos auténticas malabaristas como as protagonistas do espectáculo, tendo que organizar os nosos traballos e mais as cousas de casa e de toda a familia”. A deputada desexou que “todos os malabares que teñamos que realizar fosen os deste espectáculo, no que o elenco nos vai amosar que as mulleres podemos facer todo o que nos propoñamos”.

A gala Cirqueiras contou con algunhas das mellores artistas galegas, cada unha cunha especialidade única. Raquel Veganzones (parte da compañía Desastronauts) sorprendeu o público con acrobacias aéreas, levando os límites da gravidade ao máximo. Natalia Outeiro, Pajarito, achegou un toque de humor e irreverencia, facendo rir e reflexionar ao mesmo tempo cunha mestura de comedia e crítica social. Ana Cuervas, da compañía A Vela Circo, destacou coas súas acrobacias verticais, con moita forza, técnica e graza. O espectáculo estivo conducido por Vero Rilo, unha presentadora cun carisma inconfundible que lle engadiu unha nota especial á función coa parte máis educativa.

A través desta actuación, Cirqueiras busca promover un discurso feminista que vai máis alá do feito de que as artistas sexan mulleres. Cada número está deseñado para desafiar estereotipos, romper barreiras e mostrar as mulleres como protagonistas fortes e resilientes. Todas as disciplinas se entrelazan para crear un espectáculo que non só é visualmente impresionante, senón tamén inspirador para todos os públicos.

A actividade organízase baixo o paraugas de Malabares ata cando?, a campaña coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres a necesidade dunha corresponsabilidade real para que as mulleres non teñan que ser quen sacrifiquen as súas carreiras ou o tempo que poden dedicarse a si mesmas por mor dos coidados. Arredor desta campaña a institución provincial está a desenvolver ao longo de todo este mes preto dunha vintena de actividades, entre elas un concurso escolar, exposicións, obradoiros de sensibilización, actividades formativas ou foros de debate.

Galerias de imaxes