A Deputación de Pontevedra abre este venres no Palacete das Mendoza a exposición “Galicia desde el Mar” de Antonio Abalde
A mostra, na que o pintor vigués fai unha homenaxe á costa galega, ás súas rías e á vida mariñeira, poderá visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o 17 de novembro
27/10/2024
A Deputación de Pontevedra inaugura este venres, 1 de novembro, a exposición "Galicia desde el Mar", unha mostra na que o pintor vigués Antonio Abalde fai unha homenaxe á costa galega, ás súas rías e á vida mariñeira e que poderá visitarse na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, ata o vindeiro 17 de novembro.
A través da acuarela, técnica que lle permite xogar coa luz, a auga e a transparencia, o pintor ofrece nas súas obras unha fiestra ás paisaxes, ao mar, ás xentes e á cultura galegas. Desta maneira, os cadros que compoñen esta mostra capturan a vida cotiá das vilas mariñeiras, coas súas barcas varadas, os ceos anubrados que anuncian tormentas e as redes colgando nos peiraos.
Antonio Abalde é un pintor nado en Vigo en 1951. O seu nome artístico, Abalde, é recoñecido no ámbito artístico galego e máis alá das súas fronteiras. Desde as súas primeiras obras mostrou unha profunda admiración por Galicia, e iso refléxase na súa produción artística, que xira arredor das paisaxes, a cultura, a etnografía e a vida cotiá da rexión. Ao largo da súa carreira ten exposto a súa obra en numerosas galerías e centros culturais, tanto a nivel nacional como internacional.
A exposición "Galicia desde el Mar", que acollerá a partir deste venres o Palacete das Mendoza, pode visitarse ata o 17 de novembro de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e domingo de 10:00 a 14:00 horas.