Esgotadas en menos de 24 horas as prazas para a primeira ruta ornitolóxica da Deputación deste ano
Terá lugar o domingo 14 de xaneiro e desenvolverase pola Foz da Ramallosa e praia América, onde se poden observar aves limícolas, gaivotas, garzas, aguias pescadoras e carráns cristados
04/01/2024
En menos de 24 horas esgotáronse as prazas para a primeira das rutas ornitolóxicas da Deputación de Pontevedra deste ano. Terá lugar, da man de SEO/BirdLife, o domingo 14 de xaneiro cun percorrido pola Foz da Ramallosa e praia América, nos concellos de Nigrán e Baiona, onde se poden observar limícolas como mazaricos, biluricos ou pilros; unha ampla variedade de gaivotas, así como diferentes especies de garzas, aguias pescadoras e aves mariñas como os carráns cristados.
A segunda das rutas contempladas no marco deste programa provincial terá lugar o 11 de febreiro polo esteiro do río Lérez e a zona intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio), para a que se abrirá o período de inscrición o día 29 de xaneiro. Do mesmo xeito que a ruta pola Ramallosa, tamén se ofertan 25 prazas e poderase anotar na actividade a persoa solicitante xunto con tres acompañantes máis. O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada persoa participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle unha guía de aves.
O programa de rutas ornitolóxicas da Deputación contempla un total de sete rutas este ano. Ademais do percorrido pola Foz da Ramallosa e praia América (14 de xaneiro) e polo esteiro do río Lérez e zona intermareal Combarro-Lourido (11 de febreiro), o programa continuará en abril cunha ruta polas ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), en maio pola serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), en xuño pola praia da Lanzada (O Grove), en setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).