Este domingo comezan as rutas ornitolóxicas que ofrece a Deputación neste 20204 cun percorrido pola Foz da Ramallosa e pola Praia América
A primeira saída do programa “Voando nas Rías Baixas”, que impulsa a institución provincial da man de SEO BirdLife, esgotou as 25 prazas ofertadas en menos de 24 horas
13/01/2024
As rutas ornitolóxicas da Deputación de Pontevedra de 2024 comezan este domingo 14 de xaneiro cun percorrido pola Foz da Ramallosa e pola praia América, nos concellos de Nigrán e Baiona. A primeira saída do ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, que impulsa a institución provincial da man de SEO BirdLife, esgotou as 25 prazas ofertadas en menos de 24 horas.
A Foz da Ramallosa é un espazo intermareal protexido pola Rede Natura 2000. Trátase dun lugar de alto valor ecolóxico, cómodo para a observación de aves polo preto que se poden avistar e polo confiadas que se mostran cara ao ser humano. Durante a ruta ornitolóxica, as persoas participantes poderán ver desde limícolas, coma mazaricos, biluricos ou pilros; ata unha ampla variedade de gaivotas, así como diferentes especies de garzas, aguias pescadoras e aves mariñas, coma os carráns cristados.
As persoas participantes estarán acompañadas por dúas guías ornitolóxicas de SEO BirdLife. Ademais, a ruta inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle unha guía de aves.
O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla en 2024, ademais deste percorrido pola Foz da Ramallosa e pola Praia América, outras seis rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000. Deste xeito, en febreiro terá lugar un percorrido polo esteiro do río Lérez e pola a zona intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio), en abril polas ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), en maio pola serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), en xuño pola praia da Lanzada (O Grove), en setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).