A Deputación leva este domingo a Cambados o circuíto +Escénicas con “Travesía Unicornio”, de Teatro Ghazafelhos

A peza, dirixida a nenas e nenos de máis de 3 anos, poderá verse no Auditorio Municipal de Cambados este domingo 2 de febreiro ás 18:00 horas

01/02/2025

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 2 de febreiro o circuíto +Escénicas ao concello de Cambados co espectáculo de teatro “Travesía Unicornio” a cargo de Teatro Ghazafelhos. A función terá lugar ás 18:00 horas no Auditorio Municipal da localidade, e enmárcase dentro de +Escénicas, o novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

“Travesía Unicornio” trátase dun espectáculo infantil de 50 minutos de duración cheo de humor para nenas e nenos a partir de 3 anos. A peza é unha adaptación ao teatro do libro homónimo de María Canosa gañador da primeira edición do Premio Anisia Miranda de teatro infantil, publicado en marzo de 2023, que narra o encontro dun neno e o seu unicornio cunha xenia que lles promete facer realidade os seus desexos. 

Con este novo circuíto, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro de +Escénicas a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.