A Deputación organiza esta fin de semana catro novos concertos do ciclo Entradiñas de Aninovo nos concellos de Ponteareas, Agolada, Portas e Rodeiro
As actuacións forman parte dun programa provincial que leva un repertorio clásico, tradicional e popular de Nadal a espazos culturais e patrimoniais da provincia
19/12/2024
A Deputación de Pontevedra programa esta fin de semana, entre o venres 20 e o domingo 22 de decembro, catro novos concertos en Ponteareas, Agolada, Portas e Rodeiro enmarcados no programa provincial Entradiñas de Aninovo. Este ciclo de 17 concertos en espazos culturais e patrimoniais dos concellos da provincia está composto por un repertorio clásico, tradicional e popular para desfrutar do Nadal en familia, e estase a celebrar ao longo do territorio provincial desde mediados de decembro ata mediados de xaneiro.
Os concertos desta fin de semana comezan o venres 20 en Ponteareas da man do coro Gli Appassionati, que actuarán ás 19:30 horas no Auditorio Reveriano Soutullo. Nado en Vigo da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo, está integrado por mozas e mozos amantes do canto e da música, cunha sólida preparación vocal e ampla experiencia coral.
As actuacións continúan o sábado 21 da man da Banda de Música Municipal de Agolada, que actuará ás 19:30 horas no Auditorio municipal Manuel Costa Casares de Agolada xunto coa súa Escola de Música. Parte da banda tamén actuará o domingo 22 en Rodeiro, no Centro municipal Manuel Lamazares ás 19:00 horas, neste caso cunha actuación do seu ensemble de vento e percusión. A banda xurdiu en 1993 e está integrada por uns 75 músicos e constituída por preto de 250 socios.
Por último, o domingo tamén se celebrará un concerto de Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro, que levarán o seu espectáculo poético e musical ‘Cánticos de Luz e Nadal’ ao Auditorio da Azucreira de Portas ás 18:30 horas. Os artistas buscan recuperar o Nadal como un festexo do gozo.
O ciclo Entradiñas de Aninovo inclúe actuacións de María do Ceo (en Mondariz e A Guarda), do coro Gli Appassionati (en Arbo e Ponteareas), da Banda de Música Municipal de Agolada (en Agolada, Portas e Dozón), de Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro (en Portas e Oia), a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra (na Estrada e Baiona), Tolemia’s Consort (en Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa), Dania Diva (na Lama) e o Ballet de Galicia (en Bueu, Valga e Ribadumia). Cun orzamento de 60.000 euros, súmase ás actividades programadas pola Deputación de Pontevedra durante o Nadal no Castelo de Soutomaior (visitas teatralizadas, un videomapping, un xogo de escapismo e sesións de contacontos) e no Museo de Pontevedra (exposicións temáticas, obradoiros infantís a actuacións musicais).