Luis López salienta a forza do movemento veciñal ante centos de persoas en Mos, no quinto encontro +Convivir: “É a mostra do traballo que facemos pola nosa terra”
O presidente da Deputación comparte unha nova xornada de convivencia deste programa de Acción Comunitaria con asociacións veciñais de Mos e a contorna con charlas sobre o alzhéimer, sesións de risoterapia, ximnasia, música e gastronomía
16/11/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a forza do movemento veciñal para dinamizar a vida social e cultural na provincia de Pontevedra e reafirmou o compromiso do goberno provincial para seguir apoiando as numerosas e diferentes actividades que promoven estes colectivos na celebración en Mos da quinta xornada do programa +Convivir, unha actividade deseñada para poñer en valor o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron centos de persoas pertencentes ás asociacións veciñais e Mos e a súa contorna. “Houbo unha época na que as asociación veciñais estaban esquecidas. Agora é todo o contrario, contamos con vós, poñemos recursos á vosa disposición e queremos camiñar con vós para construír unha provincia mellor, máis xusta, integradora e unida”, afirmou o mandatario provincial lembrando o impulso económico á área de Acción Comunitaria que recolle o Orzamento da Deputación para o vindeiro ano 2025.
Despois da benvida por parte da alcaldesa Nidia Arévalo e da organización dunha charla sobre o alzheimer e un obradoiro de risoterapia, tomou a palabra o mandatario provincial. Tivo Luis López palabras de recoñecemento ao labor da rexedora, de quen salientou o municipalismo e proximidade coa veciñanza; e do deputado Javier Tourís, “valedor número un do movemento veciñal”. Logo a programación continuou cun cunha clase de traballo funcional para rematar a tarde cunha sesión de música e a degustación de produtos gastronómicos locais que puxo o broche de ouro a unha festa que serviu para poñer en valor a importancia de vivir en comunidade.
O programa +Convivir é unha innovadora iniciativa da Deputación para reforzar os lazos co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a provincia de Pontevedra. Despois dos catro primeiros encontros en Poio, Cambados, Cuntis e A Estrada, celebrouse esta cuarta xornada en Mos nun periplo que terá continuidade nas vindeiras semanas noutras comarcas da provincia. Trátase dunha nova mostra da sensibilidade do goberno provincial co tecido asociativo da provincia e co seu labor, o que apoia con numerosas actividades e programas, entre as que destacan dúas accións novidosas dotadas cada unha con 1,6 millóns de euros como son o Plan+ Aqua, para colaborar con 173 comunidades de auga; ou Plan de Acción Comunitaria, para colaborar coas asociacións veciñais da provincia. Iniciativas que terán continuidade e mesmo serán reforzadas o vindeiro ano despois da aprobación este venres do Orzamento da Deputación que reserva unha partida de 2,4 millóns de euros para esta área estratéxica do goberno provincial.
“Vexo en vós, veciñas e veciños de Mos e da contorna, xente orgullosa de vivir en comunidade; vexo nesta vila de Mos, un anaco do enorme paraíso que é esta provincia, desde a costa ata o interior; e vexo neste pavillón Óscar Pereiro, que leva o nome dun dos máis grandes embaixadores das Rías Baixas no mundo, unha mostra do gran traballo que facemos a diario os pontevedreses e pontevedresas pola nosa terra”, declarou o presidente da Deputación para agradecer a calorosa acollida da veciñanza e amosar a vontade do goberno provincial para seguir tendendo pontes entre a administración e o tecido asociativo.