Luis López destaca o éxito de +Convivir, que concentrou a case 4.000 persoas nas sete xornadas de convivencia coas asociacións veciñais da provincia

“O gran éxito que tivo ratifica que o movemento veciñal desta provincia levaba oito anos desatendido e que por fin se ve escoitado e apoiado”, asegurou o presidente da Deputación

05/12/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou hoxe en conferencia de prensa o éxito do proxecto +Convivir, celebrado por vez primeira este ano ao abeiro do programa de Acción comunitaria, e que reuniu en total entre as sete citas celebradas a case 4.000 persoas. +Convivir buscaba ofrecer á veciñanza xornadas lúdicas e formativas e un espazo de encontro. “O gran éxito que tivo ratifica que o movemento veciñal desta provincia levaba oito anos desatendido e que por fin se ve escoitado e apoiado”, asegurou o presidente provincial.

En concreto, +Convivir, que comezou en Poio o pasado 13 de setembro, chegou tamén ao longo dos últimos meses a Cambados, Cuntis, A Estrada, Mos, Tomiño e Vigo, onde se clausurou o pasado sábado coa asistencia de 300 persoas. En todas as xornadas de convivencia houbo charlas e mesas redondas sobre doenzas como perdas de memoria ou trastornos psicolóxicos, clases de pilates ou ximnasia, xogos de interacción e actuacións musicais.

“Queremos contar co movemento asociativo para construír unha provincia mellor, máis xusta, integradora e unida”, asegurou Luis López, quen  lembrou os recursos postos á súa disposición, como o Plan Provincia Comunitaria e o Plan +Aqua, e iniciativas tan innovadoras como este +Convivir, para reforzar os lazos co movemento veciñal e, da súa man, xuntos, avanzar na dinamización e modernización desta provincia”.