A Deputación iluminará o Pazo provincial dúas noites para dar visibilidade ao Día Mundial da Diabetes
A institución provincial súmase este mércores e xoves ás accións promovidas desde a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia)
11/11/2024
A Deputación de Pontevedra iluminará de azul o Pazo provincial durante as madrugadas tanto do mércores 13 de novembro coma do xoves 14 de novembro, desde as 0:00 horas ata as 8:00 horas do día seguinte, co gallo do Día Mundial da Diabetes. Deste xeito, a institución provincial únese ás iniciativas promovidas pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia) como xesto de solidariedade e compromiso coas persoas que sofren esta doenza.
O Día Mundial da Diabetes conmemórase cada 14 de novembro para dar visibilidade a esta enfermidade autoinmune de carácter crónico. Estímase que o 14% da poboación española a padece, arredor de 6 millóns de persoas, mentres que Galicia conta con arredor de 100.000 afectados e é unha das comunidades con máis casos sen diagnosticar.
A incidencia da diabetes aumenta ano tras ano tanto na de tipo 1 coma na de tipo 2 (a máis común, que abrangue máis do 90% dos casos), de xeito que se estima que o número de persoas que conviven con diabetes tipo 1 duplicarase no ano 2040.