A Deputación ilumina o Pazo provincial para visibilizar o Día Mundial do Cancro de Mama Metastásico

A institución provincial coloreará de verde e de azul as fachadas principal e laterais da súa sede sumándose á iniciativa da Asociación Española Cancro de Mama Metastásico

12/10/2024

A Deputación de Pontevedra iluminará este domingo o Pazo provincial de verde e azul con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama Metastático (CMM), que se conmemora o 13 de outubro. A iluminación comezará ás 0:00 horas da noite do domingo 13 ao luns 14 de outubro, rematando a acción arredor das 8:00 horas da mañá, coa luz verde na fachada principal e a azul nos laterais do inmoble.

A Deputación súmase deste xeito á iniciativa promovida pola Asociación Española Cancro de Mama Metastático, que ten por obxectivo que tanto entidades de ámbito privado como público se sumen ás súas reivindicacións coa iluminación dos seus edificios e fachadas, dando así visibilidade á situación pola que pasan miles de pacientes.

O cancro de mama metastático é o estadio máis grave da enfermidade, que afecta entre un 20% e un 30% das persoas diagnosticadas de cancro de mama. Non ten cura e é a primeira causa de morte entre mulleres de 35 a 50 anos (arredor de 6.000 persoas falecen cada ano por mor desta patoloxía), pero si existen tratamentos que poden prolongar a esperanza de vida das persoas diagnosticadas. Nese sentido a investigación xoga un papel clave tanto para atopar unha cura como para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.