A Deputación abre este martes o prazo para inscribirse no programa “Campamentos A Lanzada” 2024
Ata o 27 de febreiro poderase solicitar algunha das 1.540 prazas do programa de lecer que a institución provincial organiza cada verán nas instalacións do Grove
29/01/2024
A Deputación de Pontevedra abre este martes 30 de xaneiro o prazo para participar no programa “Campamentos A Lanzada” 2024, que este ano terá lugar entre o 23 de xuño e o 7 de setembro nas instalacións que a institución provincial ten no Grove. Ata o 27 de febreiro poderá solicitarse algunha das 1.540 prazas ofertadas para gozar do programa de lecer no que as rapazas e rapaces realizarán un amplo e completo abano de actividades. Os campamentos distribuiranse en once quendas de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado) e están dirixidos a nenas e nenos empadroados nalgún dos concellos da provincia e nados entre 2011 e 2016, ambos os anos incluídos.
A primeira das quendas destes campamentos comezará o 23 de xuño e desenvolverase ata o 29 dese mesmo mes. As restantes terán lugar entre o 30 e o 6 de xullo, o 7 e o 13 de xullo, o 14 e o 20 de xullo, o 28 de xullo e o 3 de agosto, o 4 e o 10 de agosto, o 11 e o 17 de agosto, o 18 e o 24 de agosto, o 25 e o 31 de agosto, e o 1 e o 7 de setembro, se ben a duración da derradeira quenda estará condicionada á data de comezo do curso escolar 2024-2025 que a Xunta de Galicia publicará proximamente.
En cada unha das quendas participarán 140 nenas e nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 estarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social e as 1.330 restantes adxudicaranse por procedemento xeral. O prezo destas últimas prazas é de 110 euros (80 euros no caso de que sexan menores de familia numerosa ou monoparental), mentres que a Deputación asumirá o 100 % do prezo das prazas destinadas á inclusión social dos cativos da provincia. A solicitude de prazas pode realizarse a través da Sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal) e, ao igual que en anos anteriores, as prazas adxudicaranse por sorteo.
No Centro de Vacacións da Lanzada as e os participantes poderán gozar dun amplo programa de actividades, entre as que destacan as deportivas no propio campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos), na praia (bodyboard ou snorkel, entre outros), actividades circenses (malabares, clown ou equilibrios), de coñecemento do medio, excursións a lugares coma o monte da Siradella ou A Illa de Ons, obradoiros, xogos ou veladas. Toda unha semana completa de ocio que rematará coa gran festa final, na que, ademais, se seleccionará a mascota do grupo de entre as creadas por todas e todos os nenos.