A Deputación mantén aberto ata o vindeiro martes o prazo para inscribirse nos “Campamentos A Lanzada” 2024
Os campamentos desenvolveranse en once quendas entre o 23 de xuño e o 7 de setembro e ofertarán 1.540 prazas para nenas e nenos empadroados na provincia e nados entre 2011 e 2016
20/02/2024
Última semana para solicitar praza nos “Campamentos A Lanzada” 2024, que este ano se realizarán entre o 23 de xuño e o 7 de setembro nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten no Grove. Ata o vindeiro martes 27 de febreiro poderá solicitarse unha das 1.540 prazas ofertadas para gozar do programa de lecer no que a rapazada realizará un amplo e completo abano de actividades. Os campamentos distribuiranse en once quendas de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado) e están dirixidos a nenas e nenos empadroados nalgún dos concellos da provincia e nados entre 2011 e 2016, ambos os anos incluídos.
A primeira das quendas dos campamentos da Lanzada comezará o 23 de xuño e finalizará o 29 dese mesmo mes. As restantes terán lugar do 30 ao 6 de xullo, do 7 ao 13 de xullo, do 14 ao 20 de xullo, do 28 de xullo ao 3 de agosto, do 4 ao 10 de agosto, do 11 ao 17 de agosto, do 18 ao 24 de agosto, do 25 ao 31 de agosto e do 1 ao 7 de setembro; se ben, a duración da derradeira quenda estará condicionada á data de comezo do curso escolar 2024-2025 que publicará a Xunta de Galicia proximamente.
En cada unha das quendas participarán 140 nenas e nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 estarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social e as 1.330 restantes adxudicaranse por procedemento xeral. O prezo destas últimas prazas é de 110 euros, 80 no caso de que sexan menores de familia numerosa ou monoparental, mentres que a Deputación asumirá o 100 % do prezo das prazas destinadas á inclusión social. A solicitude pode realizarse a través da Sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal) e, igual ca nos anos anteriores, serán adxudicadas por sorteo.
No Centro de Vacacións da Lanzada as e os cativos poderán gozar dun amplo programa de actividades, entre as que destacan as deportivas no propio campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos etc.), na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia), actividades circenses (malabares, clown ou equilibrios), de coñecemento do medio, excursións a lugares coma o monte da Siradella ou a illa de Ons, obradoiros, xogos ou veladas. Toda unha semana completa de ocio que rematará coa gran festa final, na que, ademais, se seleccionará a mascota do grupo de entre todas as realizadas polas cativas e cativos.