A Deputación leva esta fin de semana o programa provincial +Bosques ata a Illa de Tambo e o Lago Castiñeiras

A iniciativa promove o contacto directo coa natureza e ten todas as prazas dos meses de agosto e de setembro cubertas

21/08/2024

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana dous novos percorridos do programa provincial +Bosques, que mobilizará un total de 30 persoas aos espazos naturais do Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa), o sábado 24 de agosto, e da Illa de Tambo (Poio), o domingo 25 de agosto. Os percorridos teñen unha duración de arredor de 3 horas co fin de afondar sobre estes espazos, lugares protexidos ou con exemplares botánicos singulares.

+Bosques promove o contacto directo coa natureza, permitindo ás persoas participantes gozar das vantaxes da modalidade dos “baños de bosques” a través de preto de 40 percorridos organizados entre xuño e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), a Illa de Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra). Os itinerarios deste mes de agosto teñen xa todas as prazas cubertas, así como os de setembro, cuxo prazo de inscrición abriu este luns 19 de agosto. Para poder participar nos itinerarios de outubro, últimos do programa, cómpre agardar ata o luns 16 de setembro.

A Deputación, a través de +Bosques, está a organizar este mes nove percorridos todos os sábados e domingos por eses sete espazos naturais que representan a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade da provincia de Pontevedra, tanto nas zonas costeiras como nas do interior. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. +Bosques promove a estimulación sensorial a través dos sentidos, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.