A Deputación recomenda coidar a vexetación das cepas de viña para favorecer a aireación dos acios tralas precipitacións e a alta humidade relativa do aire

O persoal técnico de Areeiro advirte da necesidade de renovar a protección contra o mildio prestando atención á velocidade e á humidade do vento

21/06/2024

Información fitosanitaria 21-06-2024

O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte no seu novo aviso fitosanitario da necesidade de coidar que a vexetación das cepas das viñas non sexa excesiva para favorecer a aireación dos acios. Tralas precipitacións destes últimos días, cunha humidade relativa do aire elevada e as temperaturas suaves, os captadores recolleron unhas cifras moi altas de esporanxios de mildio, tanto en viñas tratadas nas que estaba a concluír o período de protección teórico do tratamento anterior, como nalgúns predios onde se observaron síntomas en acio. As visitas do persoal técnico detectaron tanto primeiros síntomas na campaña como consecuencias de infeccións mal controladas e dun mal mantemento da frondosidade da viña, así como da altura vexetal que hai baixo as cepas.

Por iso, ademais da recomendación de aireación, o persoal de Areeiro tamén pon o foco na necesidade de renovar os tratamentos contra o mildio despois das chuvias anunciadas para os próximos días, no caso dos predios próximos a quedar sen protección ou naqueles onde apareceron acios afectados. Onde non se aplicase protección, recoméndase proceder prestando atención aos ventos, que deben ser inferiores aos 11 km/h, e onde si se aplicase, cómpre revisar o estado da enfermidade se os ventos son húmidos ou a humidade relativa continúa a ser elevada.

No caso do oídio, malia as condicións favorables para o seu desenvolvemento, os tratamentos realizados están controlando as infeccións, sen síntomas nas plantas testemuña. Cómpre, porén, manter a vixilancia, en especial nas variedades máis sensibles. Tampouco se observaron máis síntomas de black rot, pero tamén se recomenda manter a vixilancia e eliminar vides abandonadas que estean próximas a viñas en produción. Ademais, detectouse un lixeiro avance nos síntomas de acariose nas viñas onde na inspección anterior se confirmou a presenza deste ácaro.

As condicións húmidas destes días tamén favoreceron a aparición de síntomas de moteado na maceira e na pereira, que será necesario tratar para evitar que rachen os froitos. Para iso deberase escoller un funxicida cun prazo curto de seguridade nas variedades máis temperás. Xa no caso concreto da maceira, as capturas de avelaíña superaron esta semana o limiar de tratamento, e o persoal de Areeiro insiste na instalación de trampas para racionalizar e optimizar o seu control, xa que as feridas derivadas dun mal control deste insecto deprecian os froitos e tamén favorecen a instalación de fundos de podremia sobre eles.

Galerias de imaxes