A Deputación alerta da necesidade de manter vixilancia constante polo risco de novas infeccións por mildio ante a inestabilidade meteorolóxica

Areeiro recomenda ademais engadir un tratamento insecticida dirixido ao control dos adultos na zona demarcada na loita contra a flavescencia dourada

12/07/2024

Vista parcial de parra con mildio larvado ben avanzado

A Deputación de Pontevedra advirte no seu último boletín fitosanitario da importancia de non baixar a garda ante o avance do mildio nas viñas da provincia, debido en boa parte á climatoloxía inestable das últimas semanas. Desta maneira, lembra que o ambiente arredor das plantas continúa sendo moi favorable aos patóxenos, e seguen a manifestarse nas viñas focos de mildio larvado. Se ben ao longo desta semana boa parte dos viticultores aplicaron un novo tratamento para tentar frealo, as últimas semanas caracterizáronse por unha moi elevada humidade no ambiente debido ás reiteradas precipitacións que se rexistraron nunhas xornadas e, noutras, á evaporación da auga acumulada. Un escenario ao que hai que sumar que as temperaturas, en especial as nocturnas, están sendo bastante ou moi elevadas.

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica Areeiro informan de que xa observaron nos últimos días que moitas das viñas con peor situación, e que presentaban incluso perdas de colleita potencial, tiñan un mal control da vexetación das propias cepas ou do solo, o que impide que haxa ventilación. Por iso volven facer fincapé na importancia dunha boa xestión da mesma, tan importante para salvagardar o estado sanitario coma os propios tratamentos. Malia iso, cabe destacar que aínda hai viñas completamente sas ou só con algún síntoma esporádico, concretamente as máis aireadas e mellor xestionadas a nivel da vexetación.

Ante o anuncio de novas precipitacións o domingo e o luns advirten de que, polo menos eses días, haberá condicións para novas infeccións, e polo tanto é importante continuar co máximo nivel de alerta e vixilancia, renovando as aplicacións o antes posible para evitar que o mildio larvado se estenda. Lembran, ademais, que as precipitacións caídas estes últimos días terán lavado a compoñente de contacto dos funxicidas e reducido a protección teórica dos demais empregados no anterior tratamento.

No relativo ao oídio, seguen sen observar síntomas nas plantas tratadas, pero si nalgunhas follas dunhas plantas testemuña. Malia iso, e tendo en conta que pode haber viñas con maior susceptibilidade que outras, non hai que esquecer que pode producir danos ás uvas, e por iso hai que manter a vixilancia. Tamén é a recomendación no que respecta ao black rot, pois os técnicos de Areeiro observaron grans con síntomas que semellaban ser causados por este patóxeno.

Ademais, se ben aínda é posible atopar ninfas de diferentes estados de Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada da vide, nalgunhas trampas xa se capturou o primeiro adulto. Por estes motivos, nos seguintes tratamentos que se dean na denominada zona demarcada (zona infestada máis zona tampón -área de 2 km de radio arredor da zona infestada máis unha franxa de 2,5 km con la fronteira con Portugal-) hai que engadir un tratamento insecticida dirixido ao control dos adultos e outras formas do cicadelido, mollando ben as follas polo envés e tamén, se os hai, as dos ladróns das cepas.

Por outra banda, o centro dependente da Deputación de Pontevedra informa de que, tras as altas temperaturas dos primeiros días do mes e o cambio producido despois na climatoloxía, esta semana produciuse un incremento importante no número de plantas que manifestan síntomas de alteracións de madeira. Cando a climatoloxía se estabilice poden eliminarse os brazos e plantas mortos. Por outro lado, tamén observaron xa os primeiros acios con golpes de sol.

Ademais, se ben esta semana non houbo capturas de machos de Cydalima perspectalis, a bolboreta do buxo, xa é posible observar algún dano de eirugas na sebe onde se atoparon a pasada semana. Por iso, recomendan incrementar a vixilancia, en especial se mellora a climatoloxía.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.