A Deputación abre o próximo luns o prazo para que os concellos soliciten +Escénicas, o novo programa da institución que espallará teatro e danza pola provincia

Está dotado con 175.000 euros e ten por obxectivo apoiar a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes poñendo á súa disposición espectáculos de artes escénicas en galego

28/08/2024

A Deputación de Pontevedra abre o vindeiro luns 2 de setembro o prazo para que os concellos soliciten algunha das propostas de +Escénicas, o novo programa da institución provincial para apoiar a programación de danza e teatro en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Esta iniciativa porá a disposición dos municipios un catálogo de espectáculos de artes escénicas de compañías e artistas da provincia e do resto de Galicia, que contará con dúas modalidades: +Teatro e +Danza.

Con este novo circuíto, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro de +Escénicas a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e poderá solicitar un máximo de tres espectáculos. O cofinanciamento dependerá do tamaño do concello: ata 5.000 habitantes, a Deputación aportará ata un 90% e o concello o 10% restante; naqueles de 5.000 a 10.000 habitantes a proporción será do 80% - 20%, e nos que teñan entre 10.000 e 20.000 será do 70% - 30%.

O catálogo de +Escénicas atópase xa dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra. Os concellos poderán elixir entre as propostas recollidas no catálogo e solicitar os espectáculos entre este luns 2 de setembro e o día 16 e as actividades de teatro e danza deberán desenvolverse entre o 15 de outubro de 2024 e o 31 de marzo de 2025.

Ligazóns de interese