A Deputación abre este venres o prazo para que as asociacións xuvenís da provincia poidan beneficiarse de ata 5.000 € para poñer en marcha os seus proxectos

Trátase do Plan +Xuventude, a primeira liña de axudas da historia da Deputación dirixida á mocidade que, neste 2024, distribuirá 100.000 € entre os colectivos xuvenís provinciais

15/02/2024

Acábanse de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases que regulan a convocatoria do Plan +Xuventude, a primeira liña de axudas da historia da Deputación dirixida á mocidade da provincia que se enmarca no Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, creado polo Goberno de Luis López e liderado polo deputado Jorge Cubela. O programa, dotado con 100.000 €, distribuirá entre cada asociación xuvenil un máximo de 5.000 € para poñer en marcha iniciativas de interese social; para isto, as entidades poderán presentar a súa solicitude a partir deste venres 16 de febreiro.

As axudas de +Xuventude están dirixidas a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro prestadoras de servizos dirixidos á mocidade e grupos formados por entre tres e oito persoas de entre 18 e 35 anos que queiran realizar proxectos de interese xeral e social. As propostas deben favorecer e promover o desenvolvemento persoal e comunitario; contribuír ao apoderamento xuvenil, á formación en valores, á consecución de hábitos saudables; e enriquecer a vida social, económica, científica e cultural da provincia.

Deste xeito, pódense presentar á convocatoria proxectos englobados en diferentes áreas: iniciativa empresarial; vida saudable e loita contra a violencia e as condutas de risco; fomento da cultura en todas as súas áreas e da innovación, así como promoción dos sectores científico, tecnolóxico e dixital, e das ciencias xurídicas e das sociais; creación de consellos locais de xuventude e fomento do asociacionismo e voluntariado xuvenil; promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural, loita contra a soidade non desexada e proxectos que teñan impacto no rural desde a perspectiva de reto demográfico; e protección do medio e loita contra o cambio climático.