A Deputación ten aberto ata o vindeiro mércores, 3 de xullo, o prazo para que clubs deportivos e asociacións soliciten as axudas para fomentar o turismo deportivo na provincia de Pontevedra

Esta nova liña de axudas, que conta cun orzamento de 100.000 €, ten como obxectivo promover eventos deportivos de interese turístico e cunha importante proxección mediática exterior

26/06/2024

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o vindeiro mércores 3 de xullo o prazo para que clubs deportivos e asociacións da provincia poidan solicitar as axudas para fomentar a actividade turística baseándose na dinamización e a promoción de eventos relacionados co deporte. Esta nova liña de axudas, dotada con 100.000 euros, repartirá o crédito por concorrencia competitiva, segundo criterios como o alcance e a repercusión da actividade (autonómico, nacional ou internacional), deportistas participantes non residentes na provincia, número de pernoctacións xeradas polo evento, edicións xa realizadas, ou carácter oficial do mesmo.

Cada entidade beneficiaria poderá acadar un máximo de 9.000 euros, sempre que o importe non supere o 25% do custo total do evento. As actividades subvencionables son eventos relacionados co deporte con repercusión turística celebrados no 2024 e que teñan lugar na provincia. Desta maneira, poderán ser obxecto de subvención as actividades que teñan como fin a organización de eventos deportivos de interese turístico relevante e con importante proxección mediática exterior, quedando excluídos os gastos de funcionamento das entidades, gastos correntes e gastos de persoal, a adquisición de material inventariable ou outros como a elaboración de vídeos utilizados en campañas de promoción turística. Ademais, as axudas son incompatibles con outras convocatorias da Deputación.

As solicitudes deberán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación, e nas bases da convocatoria poden consultarse os detalles da convocatoria, así como os gastos subvencionables ou a documentación que é necesario achegar.