A Deputación abre este martes o prazo para que clubs deportivos e asociacións soliciten as novas axudas para fomentar o turismo deportivo na provincia de Pontevedra

As subvencións, que contan cun orzamento de 100.000 €, teñen como obxectivo promover eventos deportivos de interese turístico e cunha importante proxección mediática exterior

03/06/2024

A Deputación de Pontevedra abre este martes, 4 de xuño, o prazo para que clubs deportivos e asociacións da provincia poidan solicitar a nova liña de subvencións para fomentar a actividade turística baseándose na dinamización e a promoción de eventos relacionados co deporte. Esta nova liña de axudas, dotada con 100.000 euros, repartirá o crédito por concorrencia competitiva, segundo criterios como o alcance e a repercusión da actividade (autonómico, nacional ou internacional), deportistas participantes non residentes na provincia, número de pernoctacións xeradas polo evento, edicións xa realizadas, ou carácter oficial do mesmo.

Cada entidade beneficiaria poderá acadar un máximo de 9.000 euros, sempre que o importe non supere o 25% do custo total do evento. As actividades subvencionables son eventos relacionados co deporte con repercusión turística celebrados no 2024 e que teñan lugar na provincia. Desta maneira, poderán ser obxecto de subvención as actividades que teñan como fin a organización de eventos deportivos de interese turístico relevante e con importante proxección mediática exterior, quedando excluídos os gastos de funcionamento das entidades, gastos correntes e gastos de persoal, a adquisición de material inventariable ou outros como a elaboración de vídeos utilizados en campañas de promoción turística. Ademais, as axudas son incompatibles con outras convocatorias da Deputación.

As solicitudes, que se poderán realizar desde mañá martes e ata o vindeiro 3 de xullo, deberán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación, e nas bases da convocatoria poden consultarse os detalles da convocatoria, así como os gastos subvencionables máis pormenorizados ou a documentación que é necesario achegar.

Ligazóns de interese