A Deputación ultima o prazo para presentar candidaturas á primeira edición dos Premios Sociais da provincia

Outorgaranse tres galardóns, valorados en 15.000 euros, que distinguirán toda unha vida profesional no eido social, a traxectoria dunha entidade de iniciativa social e o mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto

09/11/2024

A Deputación de Pontevedra ultima o prazo para a presentación de candidaturas aos seus I Premios Sociais, unha proposta enfocada cara á posta en valor do traballo realizado na provincia a favor dos dereitos humanos e dos colectivos máis vulnerables, promovendo un maior benestar social das persoas, colectivos e comunidades. Estes galardóns, que repartirán 15.000 euros en tres categorías, distinguirán toda unha vida profesional no eido social, a traxectoria dunha entidade de iniciativa social e o mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto. As solicitudes poderán efectuarse ata o próximo xoves 14 de novembro.

Os I Premios Sociais da Deputación de Pontevedra teñen como obxectivo destacar a importancia do traballo conxunto entre o sector público, o sector privado e a sociedade civil na procura dun mundo mellor, con solucións sostibles e equitativas, e son tamén unha plataforma para crear conciencia sobre as necesidades e os desafíos aos que se enfrontan diversas comunidades.

Os premios están dirixidos a persoas físicas ou xurídicas empadroadas na provincia de Pontevedra, e poden presentar candidaturas tanto as propias persoas físicas ou xurídicas como persoas físicas profesionais do sector social, entidades do terceiro sector de acción social e outras entidades públicas ou privadas a favor de terceiras persoas. Non se concederán premios a título póstumo. En función da modalidade do premio, xunto coa solicitude deberá presentarse unha memoria da traxectoria profesional ou, no caso seu, unha ficha da entidade proposta ou do proxecto proposto aos premios.

Os recoñecementos das tres categorías distribúense do seguinte xeito: o premio a toda unha vida profesional no eido social está dotado con 3.000 €, o premio á entidade de iniciativa social pola súa traxectoria está valorado en 6.000 € e, finalmente, o galardón ao mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto social conta tamén dunha dotación de 6.000 €.