2024
PRIMEIRA EDICIÓN DOS PREMIOS SOCIAIS
A Deputación de Pontevedra convoca a primeira edición dos Premios Sociais da Deputación de Pontevedra coa finalidade de recoñecer e premiar o traballo das persoas, entidades e proxectos que, a xuízo da Deputación de Pontevedra, destaquen polo traballo realizado na provincia en prol dos dereitos da cidadanía e dos colectivos máis vulnerables e na loita contra a discriminación.
Desde esta visión, apóstase por implementar unha convocatoria que poña en valor o traballo e o esforzo das e dos profesionais e das entidades que lle dedican o seu tempo, coñecemento e habilidades ao benestar da comunidade. Este recoñecemento é fundamental para motivar a continuidade destas accións e impulsar a mellora constante da calidade dos programas e das intervencións sociais, á vez que se promove un maior benestar para todos os colectivos, especialmente os máis vulnerables.
CATEGORÍAS E PREMIOS
- Os premios que se convocan están dotados cun importe total de quince mil (15.000,00) euros, con cargo á aplicación 24/231.2313.480.01 do Orzamento ordinario do organismo provincial.
- Premio a toda unha vida profesional no eido social: 3.000,00 euros
- Premio a unha entidade de iniciativa social pola súa traxectoria: 6.000,00 euros
- Premio a un proxecto ou a unha iniciativa polo seu impacto social: 6.000,00 euros
PERSOAS E ENTIDADES DESTINATARIAS
Poderán beneficiarse destes premios sociais as persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos recollidos a continuación e que desenvolvan ou desenvolvesen actuacións nalgunha das categorías previstas:
- Premio a toda unha vida profesional no eido social: persoas físicas que na data de publicación destas bases estean empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra.
- Premio a unha entidade de iniciativa social pola súa traxectoria: entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais de Galicia con sede social ou delegación na provincia de Pontevedra.
- Premio a un proxecto ou iniciativa polo seu impacto social: entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro e legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente con sede social na provincia de Pontevedra.
Todas as persoas físicas ou xurídicas deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Axencia Tributaria de Galicia, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.
Prazo para a presentación de candidaturas
As candidaturas presentaranse no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.