A Deputación pon en marcha “Ciencia en feminino”, un programa de pódcast e videopodcast para reivindicar o papel da muller nas ciencias e na investigación
Comezará o xoves, 14 de marzo, cun debate no que Alicia Bruzos, bióloga especializada no cancro en animais mariños, Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo, e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña, afondarán nas vocacións femininas
10/03/2024
A Deputación de Pontevedra pon en marcha “Ciencia en feminino”, unha serie de podcast e videopodcast para reivindicar o papel da muller nas ciencias e na investigación que se enmarca en “Seguimos con todas e para todas”, a programación deseñada pola institución provincial para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Trátase de dúas charlas-coloquio e dúas conferencias que afondarán nas vocacións femininas, no emprendemento na ciencia, na investigación no estranxeiro ou nos teitos de cristal.
O programa comezará o xoves, 14 de marzo, cun debate no que Alicia Bruzos, bióloga especializada no estudo dos cancros contaxiosos en animais mariños, Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo e actualmente investigadora en atlanTTic, e Blanca Moncunill, palentóloga na Universidade da Coruña, debaterán xunto á deputada de Igualdade, Sandra Bastos, sobre as vocacións femininas.
O xoves 21 de marzo terá lugar a conferencia de Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga e directora de Hifas da Terra, e o programa continuará o 4 de abril cunha mesa redonda centrada na investigación no estranxeiro, na que se darán cita Raquel Lama, investigadora sobre a viroloxía molecular dos peixes en Francia, Cristina Lazcano, investigadora sobre cambio climático en California, e Carmen Figueiras, investigadora sobre gripe en Londres. Finalmente, “Ciencia en feminino” rematará o 11 de abril cunha conferencia a cargo de Begoña Vila, astrofísica especializada no estudo de galaxias que traballa como enxeñeira de sistemas na NASA.
As dúas charlas-coloquio e as dúas conferencias poderán seguirse a través de GCiencia e das súas plataformas de Facebook e YouTube, onde quedarán dispoñibles para posteriores visualizacións, así como nas plataformas de podcast Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts.