A Deputación ofrece este xoves unha mesa redonda sobre a investigación no estranxeiro no marco do programa de podcasts Ciencia en feminino
Participan Raquel Lama, investigadora en viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, experta no cambio climático en California; e Carmen Figueiras, investigadora sobre a gripe en Londres
03/04/2024
A Deputación de Pontevedra ofrece este xoves o terceiro dos encontros do ciclo Ciencia en feminino, o programa de podcast e videopodcast que promove xunto a GCiencia para reivindicar o papel da muller na ciencia e na investigación. Nesta ocasión, o debate xirará arredor da investigación no estranxeiro e nel participarán as investigadoras Raquel Lama, experta en viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, no cambio climático en California; e Carmen Figueiras, que investiga sobre a gripe en Londres, ademais da deputada provincial Sandra Bastos. Esta mesa redonda poderá seguirse, igual que o resto de encontros do ciclo Ciencia en feminino, a través da web de GCiencia e das súas plataformas de Facebook, Youtube, Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts.
A terceira sesión do ciclo reúne tres investigadoras galegas que están a traballar ou traballaron no estranxeiro. Desta maneira, analizarase cal é a situación da ciencia en Galicia en comparación con Francia, o Reino Unido e os Estados Unidos. Tamén, se se sentiron algunha vez excluídas ou discriminadas por ser mulleres e como ven ou viron elas a igualdade de xénero nos centros nos que traballan ou traballaron. De igual modo, abordarase a conciliación e accesibilidade a bolsas de estudo, sempre en comparación cos países nos que elas están a desenvolver as súas investigacións.
O ciclo “Ciencia en Feminino”, que promove a Deputación de Pontevedra ao abeiro da campaña “Seguimos con todas e para todas”, deseñada para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, está a ofrecer en total dúas charlas coloquio e dúas conferencias sobre, entre outras cuestións, as vocacións femininas, o emprendemento na ciencia, a investigación no estranxeiro ou os teitos de cristal. Esta é a segunda das charlas-coloquio programadas, despois da que tivo lugar o pasado 14 de marzo, na que Alicia Bruzos, bióloga especializada no cancro en animais mariños; Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo; e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña, debateron sobre as vocacións femininas.
No que respecta ás conferencias, a primeira delas tivo como protagonista a Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga e CEO de Hifas da Terra, que afondou no emprendemento feminino no ámbito científico. Poñeralle o ramo ao programa o 11 de abril Begoña Vila, astrofísica especializada no estudo de galaxias e que traballa como enxeñeira de sistemas na NASA, que se centrará nos teitos de cristal na ciencia e a tecnoloxía.