A Deputación ofrece este xoves unha conferencia sobre o papel das mulleres emprendedoras no ámbito científico no marco do programa de podcast Ciencia en feminino

Catalina Fernández, bióloga e CEO de Hifas da Terra, será a encargada de impartir a conferencia que se poderá seguir a través das plataformas de GCiencia en Facebook, YouTube, Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts

20/03/2024

A Deputación de Pontevedra ofrece este xoves unha conferencia sobre o papel das mulleres emprendedoras no ámbito científico no marco de Ciencia en feminino, o programa de podcast e videopodcast que promove xunto a GCiencia para reivindicar o papel da muller nas ciencias e na investigación. Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga e CEO de Hifas da Terra, será a encargada de afondar na relación entre ciencia e emprendemento feminino xunto coa deputada provincial Sandra Bastos. A conferencia de Ciencia en feminino poderase seguir a través de GCiencia e das súas plataformas de Facebook, YouTube, Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts.

Esta iniciativa, que promove a Deputación de Pontevedra ao abeiro da campaña “Seguimos con todas e para todas”, deseñada para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ofrecerá en total dúas charlas-coloquio e dúas conferencias que afondarán, entre outras cuestións, nas vocacións femininas, no emprendemento na ciencia, na investigación no estranxeiro ou nos teitos de cristal. A primeira das conferencias terá lugar este xoves, da man de Catalina Fernández de Ana Portela, e a segunda será o 11 de abril, con Begoña Vila, astrofísica especializada no estudo de galaxias que traballa como enxeñeira de sistemas na NASA, que se centrará nos teitos de cristal na ciencia e na tecnoloxía.

No que respecta ás charlas-coloquio, xa está dispoñible a primeira delas, centrada nas vocacións científicas, na que participaron Alicia Bruzos, bióloga especializada no cancro en animais mariños; Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo; e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña. A segunda charla terá lugar o 4 de abril para abordar cuestións relacionadas coa investigación no estranxeiro. Neste caso, daranse cita Raquel Lama, investigadora sobre a viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, investigadora sobre o cambio climático en California; e Carmen Figueiras, investigadora sobre a gripe en Londres.