A Deputación conmemora o Día Internacional dos Museos con visitas guiadas, un concurso escolar e unha conferencia da directora das Coleccións Reais no Museo de Pontevedra

Estas actividades súmanse á exposición ‘Mónica Alonso. A pel do Museo’ inaugurada o venres e o concerto de Abraham Cupeiro celebrado o sábado con gran éxito

15/05/2024

Mónica alonso

A celebración do 18 de maio, Día Internacional dos Museos, espállase ao longo de todo o mes no Museo de Pontevedra. Este ano está dedicado á educación e a investigación, dous ámbitos capitais no labor do museo pontevedrés desde a súa orixe e tamén na actualidade. Só no que vai de ano pasaron xa polo Museo 6.823 escolares que participaron en visitas e actividades didácticas, 1.030 no que vai de mes. A estes hai que sumar os máis de 500 que se agardan esta semana, procedentes de centros educativos de Vigo, Pontevedra, Caldas de Reis, Cambados, Ferrol e Val do Dubra. 

Este ano, o Día Internacional dos Museos conmemóranse co concurso escolar Micromuseo e unha conferencia de Leticia Ruiz Gómez, directora da Galería das Coleccións Reais, que se suman á exposición ‘Mónica Alonso. A pel do Museo’ inaugurada o venres e ao concerto de Abraham Cupeiro celebrado o sábado con gran éxito.  Ademais, o mesmo sábado 18 de maio realizarase a actividade ‘A través da pel do Museo’: dúas visitas á exposición de Mónica Alonso guiadas polo persoal do departamento de Educación do Museo guía ao público. As visitas desenvolveranse o sábado en dúas quendas: ás 17:00 h e ás 18:30 h e non é necesaria reserva previa.

Concurso escolar

O concurso escolar Micromuseo é un certame audiovisual dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros escolares da provincia de Pontevedra. Cada grupo participante ten que presentar un microrrelato en lingua galega en formato audiovisual, de non máis de 60 segundos, que teña como eixe temático ou argumental os distintos edificios que compoñen o Museo de Pontevedra ou calquera das pezas expostas nel.

O prazo para presentar os traballos, que se deben realizar en grupo, remata o 31 de maio. Establécense tres categorías: a primeira, para o alumnado de 5.º e 6.º de primaria; a segunda, para o de secundaria; e unha terceira, para estudantes de bacharelato ou de ciclos formativos. Haberá dous premios por categoría: o primeiro dotado con 1.000 euros para o centro escolar e tabletas para cada estudante do grupo e un lote de libros do Museo de Pontevedra; e o segundo, que constará de lectores de libros electrónicos para cada estudante do grupo e un lote de libros do Museo de Pontevedra.

Conferencia sobre a Galería das Coleccións Reais

O xoves 16 de maio, ás 19:30 h, no Edificio Castelao, a directora das Coleccións Reais, Leticia Ruiz Gómez, impartirá a conferencia ‘A Galería das Coleccións Reais. Un miradoiro ao Patrimonio Nacional’. A Galería das Coleccións Reais é o proxecto museístico máis ambicioso levado a cabo polo Estado español nos últimos corenta anos. Durante ese tempo, o fío condutor do seu relato expositivo foi cambiando e matizándose. No momento actual a galería preséntase como un percorrido que afonda no sentido das numerosas e variadas obras artísticas que, acumuladas durante máis de catro séculos de historia nos palacios e na contorna natural ―bosques e xardíns― promovidos polas dinastías Austria e Borbón, conformaron un inxente patrimonio cultural e natural cuxa titularidade é das e dos españois desde 1931. Un legado que se compón, ademais dos chamados Reais Sitios, dos mosteiros e conventos historicamente dependentes da Coroa baixo o nome de Reais Padroados; un conxunto que ensancha os límites xeográficos, artísticos e cronolóxicos da institución e boa parte da nosa memoria.

Leticia Ruiz Gómez é doutora en Historia da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid, ademais de graduada en Restauración pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Madrid, centro no que tamén foi docente. En 1999 ingresou no Corpo Facultativo de Conservadores de Museos, con destino no Museo Nacional do Prado, no que foi xefa do Departamento da Área de Pintura Española Anterior a 1700 e da Área de Marcos. Centrou unha parte fundamental da súa actividade profesional en estudar a obra do Greco e desde decembro de 2020 é directora das Coleccións Reais do Patrimonio Nacional, onde liderou o proxecto museográfico e a apertura da Galería das Coleccións Reais en xuño de 2023.

Investigación desde a creación artística

O Museo de Pontevedra quixo resaltar na programación deste mes, de acordo co tema deste ano no Día dos Museos, a importancia da investigación desde a creación artística, cun importante compoñente pedagóxico. Nesa liña enmárcase a exposición ‘Mónica Alonso. A pel do Museo’, coa que abriu o ciclo ‘Infiltracións’, un traballo que indaga nas cores da pel nas obras de arte e invita aos espectadores a prestarlle máis atención ao que nos comunica o ton de pel de cada personaxe, o que constitúe un magnífico exemplo de investigación artística. 

Nesa mesma liña, este pasado sábado celebrouse no claustro do Edificio Sarmiento un concerto didáctico do músico e investigador Abraham Cupeiro. Nel mostrou unha colección de instrumentos históricos cos que viaxou do Paleolítico ao século XIX, facéndoos soar e ofrecendo ao público información e anécdotas sobre cada instrumento. 

Galerias de imaxes