Persoas con discapacidade visual experimentan no Museo de Pontevedra ‘Melodías sobre lenzo’, unha proposta diferente para entender a arte

O Museo de Pontevedra e a ONCE presentan este proxecto académico de audioguías que recrean a música que as obras producirían se puidesen escoitarse

18/05/2024

Rafa Domínguez no museo

Un grupo de persoas con discapacidade visual puido gozar da arte, dunha forma diferente, grazas ao proxecto ‘Melodías sobre lenzo’, deseñado por Manuel Parada Martínez no contexto dunhas prácticas académicas, no Museo de Pontevedra e coa colaboración da ONCE. Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra e José Ángel Abraldes, director do centro de recursos educativos da ONCE en Pontevedra, participaron na presentación deste proxecto, co que puido experimentar un grupo de persoas cegas e videntes que se achegaron á arte dunha forma diferente.

‘Melodías sobre Lenzo’ é unha proposta de audioguías que ofrece ás persoas con cegueira ou discapacidade visual un achegamento á obra de arte desde un punto de vista diferente. No canto de ser unha análise ao uso das pinturas, céntranse en recrear o son ambiente e a música que esas obras producirían se puidesen escoitarse. Todo iso, acompañado cunha breve explicación que lles dea claves para interpretar a obra, e cunha descrición evocadora da escena. O obxectivo é crear unha atmosfera concreta máis que unha descrición minuciosa da pintura.

A actividade celebrada na mañá de hoxe achegou aos visitantes á enorme variedade e riqueza musical que existía en Galicia e en España a finais do século XIX e principios do século XX. Centrouse en catro obras do Museo de Pontevedra, representativas nesta temática: ‘Festa galega’ (1917), de Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960), caricaturas de Manuel Quiroga interpretando ‘O trino do diaño’, de Valentín García Prieto (1904-1974), ‘Comida de espatadantzaris’, de Valentín de Zubiaurre (1879-1963) e o tríptico ‘Cegos’ (ca. 1915), de Alfonso D. Rodríguez Castelao (1886-1950).

A experiencia foi deseñada por Manuel Parada dentro do marco de colaboración que desde hai anos mantén o Museo de Pontevedra co CIFP Carlos Oroza, co ánimo de facilitar ao alumnado en prácticas unha formación educativa holística. Manuel Parada desenvolveu esta proposta partindo de actividades previas levadas a cabo no Museo a favor da inclusión, nas que a música e o son foron unha parte fundamental, tales como o taller ‘A arte que soa’ ou o proxecto aínda inédito, ‘Música na arte’, desenvolto por José Luis Ageitos do equipo de Educación do Museo de Pontevedra.

O obxectivo final deste proxecto é permitir que persoas con discapacidade visual poidan gozar dunha tipoloxía artística que lles resultaba inaccesible. A través do oído achéganse á pintura, facéndoa intelixible para este público.

Está previsto que, antes de que remate o ano, o Museo de Pontevedra conte coas súas propias audioguías, nas que está traballando na actualidade. Estas porán ao alcance das persoas con discapacidade visual e de todo o público en xeral, explicacións en varios idiomas sobre algunhas das principais obras da colección do Museo, dispoñibles a través dos seus dispositivos móbiles.

Galerias de imaxes