A Deputación pon á disposición dos concellos da provincia os 8 millóns de euros do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
As bases da convocatoria publicáronse este martes no Boletín Oficial da Provincia e os concellos beneficiarios teñen un prazo de 3 meses a partir do mércores 23 de outubro para solicitar as axudas
22/10/2024
A Deputación de Pontevedra publicou este martes 22 de outubro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as bases do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros para os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia e duplicando o orzamento con respecto á súa primeira edición. O obxectivo desta iniciativa é subvencionar proxectos municipais para a construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos ou a súa cuberta, así como a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes, a dotación de equipamento e material para estes espazos ou tamén a adquisición de terreos afectados a uso deportivo.
Os 8 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas repártense entre unha parte fixa de 75.000 euros que recibirán automaticamente todos os concellos, ata un total de 4.425.000 euros (o 55% do orzamento). Os 3.575.000 euros restantes, que se corresponden coa parte variable, serán repartidos entre os concellos segundo a súa poboación. A parte fixa supón un incremento de case o cuádruplo respecto á primeira edición do plan, xa que a cantidade fixa que recibían os concellos neste era de 20.000 euros. O importe da parte variable farase público dentro dos 10 días hábiles seguintes á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
As achegas do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, e permitirase financiar máis dun proxecto por concello. O importe mínimo dos proxectos sufragados será de 20.000 euros no caso de obras e de 6.000 euros no caso de subministracións, e serán compatibles tanto con outros plans de investimento da Deputación (como, por exemplo, o +Provincia) como con subvencións doutras administracións públicas.
Os 8 millóns do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas forman parte dos 91,2 millóns de euros que a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos pequenos e medianos concellos da provincia a través de plans de investimento municipalista para o ano 2025, xunto cos 48,2 millóns de euros do Plan +Provincia ou os 35 millóns de euros do Plan Extra. A Deputación pon en marcha este plan extraordinario tendo en conta o nivel de práctica e o grao de interese que suscita a actividade física e deportiva na sociedade da provincia. Ademais, tamén se ten en conta que dispoñer de equipamentos e instalacións deportivas contribúe a hábitos de comportamento activo na poboación, repercutindo de forma positiva na saúde, a educación, a convivencia, a igualdade ou a economía.