A Deputación recibe 2,5 millóns de euros da Unión Europea para avanzar na modernización do Castelo de Soutomaior

Con estes recursos impulsaranse actuacións de iluminación neste Ben de Interese Cultural, así como para mellorar a accesibilidade na Torre da Homenaxe e introducir as novas tecnoloxías de realidade virtual

09/07/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir 2,5 millóns de euros dos fondos NextGeneration da Unión Europea para continuar avanzando na modernización do Castelo de Soutomaior.  Con estes recursos, a institución provincial vai impulsar actuacións de mellora da iluminación do Ben de Interese Cultural, así como para mellorar a accesibilidade na Torre da Homenaxe e introducir as novas tecnoloxías de realidade virtual e optimizar a experiencia de visita do castelo.

Nestes momentos é preciso levar a cabo reformas nas instalacións eléctricas e iluminación do recinto que quedaron obsoletas co paso do tempo. Deste xeito, cos recursos de Europa disporanse de instalacións de iluminación e eléctricas axeitadas, máis eficientes, de coidada estética, uniformes, integradas de xeito respectuoso co espazo histórico e encamiñadas a ofrecer un espazo de calidade para os visitantes. A nova iluminación permitirá poñer en alza o valor histórico, arquitectónico, artístico, paisaxístico e cultural do conxunto histórico, permitindo unha lectura xeral do conxunto e a mellor visibilidade do monumento, así como garantindo un tránsito seguro na súa contorna e a posible realización de visitas nocturnas.

Ademais, coa financiación europea tamén se vai actuar na mellora da accesibilidade na Torre de Homenaxe, substituíndo a escaleira de caracol que se atopa na actualidade no recinto por outra de mellores prestacións. Esta nova estrutura respectará o valor patrimonial da torre e adaptarase á normativa vixente en materia de funcionalidade, seguridade e accesibilidade

E, finalmente, os recursos da Unión Europea van permitir incorporar ao Castelo de  Soutomaior tecnoloxías de vangarda que posibilitarán realizar a través de dispositivos móbiles e ordenadores un percorrido virtual tanto do recinto como dos seus xardíns mediante a realidade virtual e contidos de inmersión. Esta nova posibilidade de coñecer este espazo de xeito único e accesible permitirá atraer a un público moito máis amplo que poida estar interesado en coñecer o destino Rías Baixas, así como servir como introdución ou preparación dunha visita presencial.

Logos