A Deputación celebra o Día Europeo dos Xardíns Históricos enxalzando a posición privilexiada da provincia como o lugar de Europa co maior número destes xardíns

A deputada de Turismo, Nava Castro, remarcou que a provincia de Pontevedra conta con seis xardíns históricos situados na Estrada, Pontevedra, Ribadumia, Soutomaior, Vigo e Vilagarcía de Arousa

26/04/2024

Celebracion do dia europeo dos xardins históricos

A deputada de Turismo Nava Castro acaba de participar no Pazo Quinteiro da Cruz nunha xornada con motivo do Día Europeo de Xardíns Históricos na que se debateu sobre os xardíns históricos no limiar dos novos séculos e o seu papel como santuarios de tradición ou campos experimentais de exploración. Castro remarcou o papel punteiro da provincia de Pontevedra ao ser o espazo de toda Europa co maior número de xardíns integrados no Itinerario Europeo de Xardíns Históricos con seis en total: o Castelo de Soutomaior, o Pazo de Lourizán, o Pazo de Oca, o Pazo de Rubianes, o Pazo Quinteiro da Cruz e o Pazo Quiñones de León.

“Trátanse – en palabras da deputada- de espazos con composicións arquitectónicas e vexetais únicas que teñen un interese público e son considerados verdadeiros monumentos. Por iso non podemos máis que sentirnos orgullos de encabezar a listaxe de lugares con maior número de xardíns históricos de toda Europa”. Neste eido, Castro puxo en valor á camelia, “flor e símbolo das Rías Baixas”, como común denominador dos xardíns da provincia de Pontevedra que forman parte da ruta europea. Neste eido, a deputada provincial subliñou o papel da camelia como revulsivo turístico con grande poder desestacionalizador e a súa contribución ao equilibrio territorial e ao desenvolvemento social, cultural e demográfico da provincia.

Ademais, a deputada de Turismo tamén aproveitou a ocasión para recordar as seis rutas que discorren pola provincia de Pontevedra e constitúen itinerarios culturais europeos como o Gran Itinerario Cultural de Viquingos e Normandos, a Ruta Europea das Abadías Cistercienses, os Camiños da Arte Rupestre Prehistórica, a Ruta dos Fenicios, o Camiño de Santiago e a Ruta Europea dos Xardíns Históricos.