A Deputación organiza o próximo mércores 9 de outubro en Cangas unha conferencia de Teresa Portela sobre valores deportivos
Terá lugar ás 18:00 horas no Auditorio Xosé Manuel Pazos e forma parte de “Unha vida olímpica”, a alianza establecida entre a Deputación e a olímpica pontevedresa para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo
01/10/2024
A Deputación de Pontevedra organiza o próximo mércores 9 de outubro, ás 18:00 horas, no Auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas unha conferencia de Teresa Portela sobre valores deportivos. Esta iniciativa forma parte de “Unha vida olímpica”, a alianza establecida entre a institución provincial e a olímpica pontevedresa para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo.
Para o presidente provincial, Luis López, Teresa Portela “é un exemplo de constancia, conciliación e igualdade” que se ten convertido en lenda “non só polo seu extenso palmarés deportivo, senón polos valores que transmite cada día”. Deste xeito, a deportista afondará na súa conferencia en Cangas sobre a importancia e incidencia dos valores deportivos na sociedade. Tamén dará a coñecer a súa traxectoria deportiva, que a ten convertido na primeira muller española en participar en sete Xogos Olímpicos, e como os valores deportivos influíron no seu éxito. Ademais, analizará a importancia, relación e pegada da contorna da provincia de Pontevedra e das Rías Baixas na súa carreira.
O apoio do organismo provincial á deportista de Aldán supón unha mostra máis do compromiso do goberno de Luis López co deporte, a través do apoio aos deportistas e como instrumento para dar a coñecer o destino turístico Rías Baixas. Neste eido, a conferencia de Teresa Portela en Cangas será a primeira das catro que ten previsto organizar a Deputación ata decembro e que se completan coa integración da imaxe da provincia de Pontevedra na equipación da deportista.