A Deputación aproba a relación dos máis de 60 establecementos de 16 concellos da provincia que formarán parte da Rede de Comercio Local “Move”

O obxectivo desta iniciativa, pioneira na provincia e enmarcada nos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), é promover a economía de proximidade e crear unha rede de comercio local

23/07/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a relación dos máis de 60 establecementos de 16 concellos da provincia que formarán parte da Rede de Comercio Local “Move”. O obxectivo desta iniciativa, pioneira na provincia e enmarcada nos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), financiados con fondos NextGenerationEU, é promover a economía de proximidade así como crear unha plataforma na que todos os axentes do comercio local estreiten vínculos con produtores e provedores e poidan darse a coñecer, compartir e establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio.

En liñas xerais os comercios retallistas, establecementos hostaleiros, produtores e provedores locais que formarán parte da Rede de Comercio Local Move pertencen aos concellos de Vilaboa (con 13 establecementos adheridos),  Covelo (con 8), A Guarda (con 5), Meis (con 5), Moraña (con 5), Oia (con 4), Crecente (con 3), Pontecesures (con 3), Portas (con 3), Arbo (con 2), Cuntis (con 2), As Neves (con 2) e Campo Lameiro (1), Catoira (1), Forcarei (1) e Vigo (1).

A Deputación de Pontevedra vai favorecer con Move, por un lado, a visibilización dos produtos locais, especialmente no rural, así como os comercios e establecementos hostaleiros locais. E, por outro lado, favorecerá a s relacións comerciais e impulsará actuacións para a mellora da rendibilidade e produtividade dos negocios engadindo valor e fortalecendo a cadea de valor, así como axudando na xeración de ideas innovadoras e de establecemento e oportunidades de negocio.

A Rede de Comercio Local Move contará cunha parte pública (en move.gal) na que a cidadanía poderá acceder a contidos xerados polos comercios, hostaleiros e provedores locais, así como a outra información relacionada co fomento de estratexias de economía circular de interese, coma bases e convocatorias de subvencións. Ademais, terá unha parte privada na que os membros da rede poderán compartir información dos produtos locais e establecer relacións comerciais; compartir coñecemento e boas prácticas; acceder aos titoriais; dar a coñecer os negocios e os produtos locais a través de videoexperiencias; ou, entre outras iniciativas, dispoñer de información e accións de formación e sensibilización.