A Deputación destina 150.000 euros aos servizos de normalización lingüística de seis concellos da provincia
Benefícianse dos recursos da institución provincial todos os concellos que solicitaron as axudas: A Cañiza, A Estrada, Moaña, Ponteareas, O Porriño e Valga
24/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación en Xunta de Goberno da adxudicación das axudas para a creación, o mantemento e o reforzo dos servizos de normalización lingüística, dirixidas tanto a concellos como outras entidades locais da provincia. Luis López informou de que "aprobamos un total de 150.000 euros e damos cobertura a todas as solicitudes que recibimos, un total de 6", de xeito que recibirán estes recursos os concellos da Cañiza, A Estrada, Moaña, Ponteareas, O Porriño e Valga.
Cada un destes seis concellos recibirá 25.000 euros, a contía máxima que podían percibir as entidades que solicitasen as axudas para o mantemento e reforzo deste servizo (pois todos eles xa contaban cun servizo de normalización lingüística á hora de cursar a solicitude) e sempre que non superase o 80% dos gastos. O presidente provincial deu os parabéns aos seis concellos e remarcou "o meu compromiso coa lingua, a miña, a de todos" sinalando que o galego "é un dos símbolos da nosa cultura, que nos dá unha pegada única no mundo".
Todos os concellos de menos de 50.000 habitantes, ou agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores, eran susceptibles de beneficiarse desta liña da Deputación, coa que se sufragan os custos ou ben da creación deste servizo ou ben para o seu mantemento ou reforzo. Neste segundo caso, as achegas repercutirán ou na contratación de máis persoal ou no incremento na xornada do persoal do que xa dispoñen.